Jesusa Ramilo, un século de vida e traballo pola familia

Jesusa Ramilo Cruces cumpriu o pasado sábado 100 anos rodeada de máis dun centenar de familiares, amigos e veciños e celebrouno no Centro Cultural do seu barrio natal, Herville, na parroquia de Cela
Por o 11/09/2018 | Sección: Galicia,Mos
Jesusa Ramilo, un século de vida e traballo pola familia

Jesusa Ramilo Cruces naceu en Herville, parroquia de Cela, o 8 de setembro de 1918, filla dun viúvo con tres fillos pequenos e da muller que este contratara para coidar deles. O pai e a nai de Jesusa casaron e tiveron 10 fillos máis, entre os que se atopaba ela. Algúns deles faleceron de nenos e outros viviron ata os 90 anos, pero ela é a máis lonxeva dos 13; a única supervivinte a día de hoxe.

A súa neta, Manoli Davila Alonso, destaca dela que “é unha muller moi traballadora, que traballou moi duro dende nena no campo e na casa, lavando e pranchando para os seus irmáns varóns”.

Xa moza, Jesusa casou cun veciño de Herville, Evaristo Alonso Alonso, co que tivo un feliz matrimonio que durou nada máis e nada menos que 71 anos. Evaristo, que faceleu aos 95 anos, fai xa 3, foi durante máis de 20 anos concelleiro do Concello de Mos.

Deste matrimonio naceu unha filla, Mercedes Alonso Ramilo, que á súa vez tivo unha filla e neta de Jesusa, Manoli Davila Alonso, nai dos dous bisnetos de Jesusa: Blanca Lamas Davila e César Lamas Davila. Todos continúan a vivir xuntos na casa familiar que Jesusa e Evaristo construíron en Herville fai 40 anos. Manoli destaca o apoio mutuo que sempre existiu entre a súa familia e que é a clave dunha harmoniosa convivencia. Sobre os seus avós Manoli comenta divertida que “el era moi inquedo e ela é moi tranquila, por iso se compenetraban á perfección”.

Manoli asegura que, “aínda que ela non tivo a iniciativa de organizalo, Jesusa está moi contenta de cumplir 100 anos e poder celebralo con todos os seus seres queridos. A familia estamos súper agradecidos con tódalas mostras de cariño, tanto agora coa miña avoa como co meu avó en vida, e felices por este gran día de celebración”.

Dende o Concello de Mos felicitouse tamén a Jesusa Ramilo durante a festa do seu 100 cumpreaños, na que estiveron presentes a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o concelleiro natural da parroquia de Cela, Cándido Pérez.

 

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.