Johanna Grant: “Pontevedra deixou pegada nos gobernos suecos”

A presidenta da Asociación Gröna Bilister cualificou de “moi produtivas” a conferencia e as reunións pontevedresas con políticos locais e estatais
Publicado por o día 23/03/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Johanna Grant: “Pontevedra deixou pegada nos gobernos suecos”

A Deputación de Pontevedra, da man do vicepresidente César Mosquera, e o Concello de Pontevedra, da man do enxeñeiro Gómez Viñas, finalizaron hoxe a súa viaxe a Suecia para dar a coñecer o ‘modelo Pontevedra’. Segundo palabras da presidenta da asociación Gröna Bilister, Johanna Grant, “Pontevedra deixou pegada nos gobernos suecos”, xa que as reunións mantidas tanto con políticos locais en Estocolmo e Eskilstuna como coa ministra de Medio Ambiente resultaron “moi produtivas”, e a conferencia sobre a filosofía de deseñar o espazo público para as persoas xerou unha grande expectativa de que nos diferentes concellos suecos se poida facer algo similar.

Na xornada de hoxe foi a quenda do encontro entre o vicepresidente Mosquera e o primeiro tenente de alcalde e director do departamento de Tráfico  de Estocolmo, Daniel Helldén. A delegación pontevedresa coñeceu o traballo que a capital sueca está a facer en relación á peonalización (a través un Plan peonil) e á redución da entrada de coches no centro da cidade: hai unhas oito rúas reservadas aos peóns só no verán (que suman dous quilómetros de lonxitude) e na actualidade estase a desenvolver outro proxecto para unha rúa de titularidade privada que comezou no ano 2012 e finalizará no mes de xuño para eliminar o tráfico de vehículos privados cun investimento de máis de 100 millóns de euros. Os técnicos explicaron que existe unha taxa por acceder ao centro urbano co coche que se está a estender tamén á periferia, e subliñaron que tamén se grava o aparcamento, xa que non existen zonas gratuítas, de forma moi severa para evitar os vehículos.

Mosquera, pola súa banda, explicou que o modelo Pontevedra é totalmente contrario ao uso da chamada ‘congestion tax’. O nacionalista explicou que o que propón o goberno pontevedrés non é gravar directamente aos usuarios motorizados, senón beneficiar a aqueles que deixan o seu coche nos aparcamentos periféricos da cidade e se desprazan ao centro andando, dándolle facilidades para elo con espazos habilitados a unha distancia axeitada. A intención, dixo, é que todo o mundo independentemente das súas posibilidades económicas poida gozar da cidade.

“Comprobamos que é un país enormemente avanzado na  mobilidade motorizada e mecanizada, pero o concepto de espazo público aínda está pouco desenvolvido, por iso se mostraron moi interesados na perspectiva de xénero e a democratización das rúas e zonas de estancia peonil á hora de planificar o deseño”, apuntou Mosquera.