Jorge Falagán aspira a mellorar as oportunidades laborais do alumnado de CC Económicas e Empresariais

Considera “clave” acadar un maior achegamento ao mundo económico e empresarial da contorna viguesa
Publicado por o día 30/10/2018 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Jorge Falagán aspira a mellorar as oportunidades laborais do alumnado de CC Económicas e Empresariais

Mellorar as oportunidades laborais das egresadas e egresados da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Este é un dos grandes obxectivos do novo equipo decanal do centro, unha nova dirección liderada polo profesor Jorge Falagán e que chega ao cargo, “baixo o paraugas da transparencia e o respecto”, “con humildade, ilusión, dedicación, rigor e gañas de integrar ao maior número de persoas ao seu proxecto” e, sobre todo, “coa firme intención de tentar situar á facultade no lugar que se merece”. Acompáñano nesta nova singradura a profesora Ana Castro, como secretaria; Sonia Rodríguez, como vicedecana de Organización Académica; Natalia Vaz, de Alumnado e Empregabilidade; María Gómez, de Relacións Internacionais, e Pedro Lorenzo, de Calidade.

As eleccións celebráronse este martes a mediodía no salón de actos do centro, e os resultados foron de 64 votos a favor, 18 en contra e 12 abstencións. A facultade inicia agora unha nova etapa na que se tentarán pór en marcha diferentes iniciativas. Un dos eixes prioritarios será aumentar a captación de alumnado para as titulacións do centro, tanto de grao como de posgrao. “Respecto ao grao organizaremos, cando menos, unha xornada de portas abertas para o alumnado de secundaria dos centros da contorna, ademais de acudir a aqueles institutos que non poidan asistir a dita xornada”, explicou Falagán ante os asistentes á Xunta de Facultade, ao que tamén engadiu que, respecto á oferta de mestrados, sería importante organizar unha xornada na que se presente a oferta aos alumnos dos últimos cursos dos graos.  Nesta nova etapa, será fundamental, segundo explicou o novo equipo directivo do centro, definir unha boa estratexia de comunicación que poña en valor as principais potencialidades do centro, ao seu modo de ver: docentes e investigadores de alto nivel, docencia en inglés, actividades complementarias e bolsas de prácticas.

Máis relación coa Fundación Mentor e posta en marcha dun programa de mentorización

De cara a incrementar a relación co mundo económico empresarial, o novo equipo decanal ten xa pensadas diferentes iniciativas que poidan axudar nesta liña. A idea é, segundo explicou Falagán, traer ao campus a figuras significativas da contorna para que o alumnado coñeza de primeira man a realidade e organizar talleres e cursos sobre as competencias e habilidades requiridas actualmente polo mercado de traballo. “Neste sentido, estreitaremos a relación coa Fundación Mentor que, de maneira altruísta, está apostando pola formación nas denominadas habilidades brandas dos alumnos do dobre grao ADE-Dereito e intentaremos que esa aposta se estenda a outras titulacións do centro”, recalcou o novo decano.

Entre os novos propósitos está tamén a creación dunha asociación de antigos alumnos da facultade para, a medio prazo, intentar pór en marcha un programa de mentorización no que egresadas e egresados, cun certo nivel de experiencia profesional, mentoricen aos estudantes dos últimos cursos de grao. “Ademais, gustaríanos contar coa implicación do alumnado para pór en marcha unha feira de emprego similar á organizada polas escolas de enxeñaría”, recalcou Falagán. “Esta feira facilitaría a interacción entre empresas e estudantes ou recén tituladas que buscan un emprego ou, simplemente, unhas prácticas”, apuntou Falagán, ao que engadiu que, ao abeiro desta feira, organizaríanse conferencias e talleres, simulacións de entrevistas de traballo, dinámicas de grupo

Bos desexos do anterior decano, Santiago Gómez

Jorge Falagán substitúe no cargo ao profesor Santiago Gómez Fraiz, quen aproveitou a Xunta de Facultade para agradecerlle ao seu equipo e a todos/as cantos colaboraron con el “todo o esforzo e apoio logrado ao longo dos últimos anos”. A maiores, quixo tamén desexarlle ao novo decanato “toda a sorte do mundo” e ofrecerlle a súa colaboración en todo aquilo no que poida ser útil.