Jorge María: “É a primeira vez que a voz de Vilanova pode chegar a Madrid para revitalizar esta vila”

O candidato a deputado da vila arousana exerceu de anfitrión dos candidatos ao Congreso e o Senado Guillermo Meijón, Modesto Pose e Miguel Ferreiroa, acompañados polo candidato á alcaldía Javier Dios
Publicado por o día 19/04/2019 na sección de Política,PSOE

Jorge María: “É a primeira vez que a voz de Vilanova pode chegar a Madrid para revitalizar esta vila”

O mercado de Vilanova de Arousa deste Xoves Santo foi o punto escollido polos candidatos ás Cortes Xerais Jorge María, Modesto Pose, Guillermo Meijón e Miguel Ferreiroa para explicarlle á veciñanza o proxecto socialista para as dúas próximas citas electorais.

“É a primeira vez que a voz de Vilanova pode chegar a Madrid para revitalizar esta vila, que está adormecida” pola inacción do goberno municipal do PP, defendeu Jorge María, cuarto na lista ao Congreso dos Deputados. “Estamos nunha longa noite de pedra, cun goberno de Gonzalo Durán que está arruinando ao pobo”, denunciou.

O veciño da vila comprometeuse a ser “a voz non só de Vilanova senón de toda a ría” nas Cortes Xerais, xunto a Pose, e procurar “que a ría sexa, como foi sempre, a fonte de riqueza máis importante de Arousa”.

Precisamente Pose, actual senador por designación autonómica e candidato nas listas á Cámara Baixa, quixo facer un chamamento ás vilanovesas e vilanoveses “para estar na liña de toda España e de toda Galicia de referendar as políticas progresistas do PSOE”, primeiro nas eleccións do próximo 28 de abril e en maio apoiando a Javier Dios para alcalde e nun futuro para Galicia.

“As e os socialistas somos as e os de sempre, non cambiamos de nome, presentámonos coa nosa historia, os nosos erros e os nosos acertos”, afirmou Pose para explicar a continuación que se un bota “a vista atrás e fala de pensións, de economía, de reparto, dereitos, igualdade, de calquera problema importante desde a democracia, o PSOE está detrás dos avances”, chamando a que a xente “siga apostando por nós” para continuar nesta senda de progreso.

Pola súa banda, o candidato á alcaldía asegurou que Vilanova “precisa un cambio como o que chegou con Pedro Sánchez no Goberno central e con Carmela Silva na Deputación”. “Temos unha débeda que chega aos 11 millóns de euros que teñen a Vilanova na completa ruína”, denunciou Javier Dios.

O socialista apuntou á Deputación de Pontevedra como a administración que sostén ao concellos a través dos investimentos, “case 5,5 millóns de euros neste mandato, case 1.300.000 € por ano”. “Se non chega a ser por estes recursos nesta vila non se facía nada”, afirmou, lembrando ademais que no pasado, cando o PP de Louzán gobernaba o ente provincial esta cifra non chegaba aos 400.000 euros anuais.

Ademais, Dios acusou ao actual alcalde Gonzalo Durán de non recoñecer publicamente estes investimentos realizados polo goberno de Carmela Silva, ocultando deliberadamente a participación do ente provincial, así como os insultos proferidos contra a presidenta da Deputación.