José Bayón López, de ENISA, impartirá mañá unha sesión maxistral gratuíta en directo en IESIDE en casa

ABANCA e Afundación a través de IESIDE dinamizan, na plataforma Afundación en Casa, un programa de sesións interactivas semanais en directo de contidos de interese xeral e profesional vinculados á actual conxuntura xerada pola crise da COVID-19
Publicado por o día 27/04/2020 na sección de Formación

José Bayón López, de ENISA, impartirá mañá unha sesión maxistral gratuíta en directo en IESIDE en casa

O Instituto de Educación Superior Intercontinental de la Empresa, institución de Afundación, a Obra Social de ABANCA, promove a iniciativa IESIDE en casa, na que participarán profesores de prestixio no ámbito académico nacional e internacional, quen impartirán semanalmente sesións virtuais gratuítas en vivo e en directo a través de conferencias, presentacións e entrevistas. José Bayón López, conselleiro delegado de ENISA, abordará o acceso ao financiamento dentro do ecosistema emprendedor mañá, martes 28 de abril, ás 19.00 h, nun relatorio titulado «Investor Tips: Enisa. Apoyo público a startups y pymes durante y después de la COVID» e enmarcado no programa de conferencias dinamizado por IESIDE e ABANCA denominado «Economía y empresa en tiempos de COVID», que conta con Lalo García, de HubIN, como moderador. A inscrición para esta sesión pódese formalizar aquí.

A próxima sesión en directo terá lugar o xoves 30 con Álvaro Gómez Vieitez, profesor de IESIDE e de FIU en Miami, para abordar, na última sesión do mes, «La importancia de los datos y la inteligencia artificial en la lucha con epidemias como COVID-19».

Os contidos destes relatorios maxistrais abordan diferentes ámbitos de interese xeral e profesional, vinculados ao contexto provocado pola crise da COVID-19. «O noso obxectivo é xerar ideas e proxectos de utilidade para a comunidade académica, profesionais de

diversos sectores ou empresarios, entre outros, para afrontar a nova conxuntura social e económica», subliña Miguel Ángel Escotet, reitor presidente de IESIDE e presidente de Afundación. «Con este proxecto -incide o profesor- reforzamos o noso programa de extensión universitaria dixital: unha universidade sen muros que pon á disposición da sociedade aquelas actividades que poidan ser de utilidade para a comunidade académica e profesional, nacional e internacional». As sesións, que se poderán seguir en directo en Afundación en casa, terán un carácter interactivo, abrindo unha canle de participación ao público, e complétanse cun programa específico dirixido á comunidade de estudantes de IESIDE.

CLASES INTERACTIVAS, EN REMOTO E ONLINE

IESIDE imparte desde o 12 de marzo, todas as súas clases en modalidade a distancia utilizando sistemas remotos e formación dixital a través do seu Campus Virtual. A avanzada tecnoloxía da plataforma online do instituto universitario, recentemente desenvolvida e implementada, permitiu que, unha vez tomada a decisión como medida de prevención e responsabilidade, de interromper todas as clases presenciais, en 12 horas a plataforma estivese dispoñible para conducir as sesións de todos os programas de forma dixital e por vídeo sincrónico de modo que os estudantes reciben a formación interactiva nos seus propios domicilios, coa mesma calidade que en modalidade presencial, mantendo así o habitual ritmo de traballo académico.

Ao longo destes anos fomentouse en IESIDE a innovación a través da transformación dixital, o que o posicionou á cabeza na aplicación de modelos de ensino mixto personalizado permitindo obter o nivel TI Avanzado Tipo 2 establecido pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE Universidades Españolas), que só acadan o 3,79 % dos centros universitarios nacionais.

Comentar noticia

Your email address will not be published.