José González destaca a traxectoria e proxección da denominación de orixe Rías Baixas, que aumenta cada ano a súa produción

No pasado exercicio o viño cualificado baixo este selo de calidade chegou a superar os 25,5 millóns de litros, preto dun 3% máis que no ano 2017
Publicado por o día 31/07/2019 na sección de Turismo,Xunta de Galicia

José González destaca a traxectoria e proxección da denominación de orixe Rías Baixas, que aumenta cada ano a súa produción

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou hoxe nos actos de inauguración da LXVII Festa do viño Albariño, no concello de Cambados. Alí aproveitou para poñer en valor esta denominación de orixe, a máis grande de Galicia en canto a tamaño e produción.

Así, o conselleiro trasladou que o volume de viño cualificado dentro deste selo de calidade segue a medrar ano a ano. Neste aspecto sinalou que no 2018 chegou a superar os 25,5 millóns de litros amparados por esta DO, o que supón un crecemento de preto do 3% respecto ao ano anterior. A mellora é similar no que se refire ao valor económico estimado, que no 2018 estivo preto dos 128 millóns de euros, o que supón un aumento respecto ao ano anterior de máis do 3%.

Por todo iso, o conselleiro destacou que os viños albariños non só teñen unha demostrada traxectoria, senón tamén un próspero futuro, en paralelo ao resto de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de Galicia. De feito, o do viño é o sector agroalimentario máis exportador, o 20% da produción (unha de cada cinco botellas) das denominacións de orixe saen de Galicia cara a outros países tan diferentes como Estados Unidos, Alemaña, Reino Unido, China, Canadá ou México.

Precisamente para que iso siga sendo así, a Xunta estará ao carón deste sector. Neste sentido, o conselleiro do Medio Rural lembrou a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, recén aprobada en Consello da Xunta e que botará a andar en breve. Con ela reforzarase a imaxe de marca e identidade vinculada aos diversos territorios nos que se produce cada viño, mellorarase a promoción e comercialización en conxunto dos produtos turísticos vinculados ao sector vitivinícola e xerarase valor engadido nos espazos rurais. Deste xeito, contribuirase a fortalecer as economías locais e fixar poboación no rural.

En definitiva, será, segundo explicou José González, unha estratexia ambiciosa cunha aposta integral e de conxunto pola desenvolvemento socioeconómico de Galicia, no que o viño actúa como elemento tractor e dinamizador das economías locais e dos espazos rurais.

Esta aposta integral queda acreditada pola colaboración e pola cooperación institucional de tres consellerías no proxecto, a do Medio Rural, a de Cultura e Turismo e a de Economía, Emprego e Industria, que cada unha delas no ámbito da súas respectivas competencias, suman esforzos para facer de Galicia e do seu rural un lugar atractivo para vivir, para emprender e para xerar riqueza e oportunidades.

Mellor branco de Galicia

Durante a súa intervención o conselleiro aproveitou tamén para felicitar aos viños desta DO, xa que lembramos que foi un viño albariño o que se fixo este ano co galardón ao mellor viño branco da Comunidade nas Catas de Galicia 2019.

Comentar noticia

Your email address will not be published.