José González destaca o peso de Galicia na produción de pensos para bovino, cunha produción de máis de 1,3 millóns de toneladas

O conselleiro puxo en valor o traballo destes fabricantes para conseguir que a cabana gandeira estea alimentada con produtos de calidade
Publicado por o día 14/06/2019 na sección de Xunta de Galicia

José González destaca o peso de Galicia na produción de pensos para bovino, cunha produción de máis de 1,3 millóns de toneladas

O conselleiro do Medio Rural, José González, inaugurou esta mañá nos hostal dos Reis Católicos o foro anual da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac), onde destacou o peso de Galicia ao liderar a produción de pensos para bovino en España, cunha produción de máis de 1,3 millóns de toneladas no pasado ano.

Así, o titular de Medio Rural puxo en valor o traballo dos fabricantes de alimentos compostos para conseguir que a cabana gandeira estea nutrida con produtos de calidade, sinalando que “é evidente que canto mellor alimentado estea o noso gando, máis saudable serán os alimentos que nos proporciona”. José González matizou que unha alimentación equilibrada e segura dos animais é fundamental para aportar estabilidade ao sector gandeiro, un eido produtivo de peso na economía galega.

Neste senso, o conselleiro destacou que a nivel nacional, Galicia é a quinta autonomía na produción de penso en xeral e representa o 18% da produción en ecolóxico a nivel nacional. Unhas cifras que avalan o prestixio deste tipo de alimentación, complementaria aos pastos e forraxes tan característicos e necesarios de Galicia.

O conselleiro agradeceu tamén o labor da propia asociación ao propiciar a unidade neste sector, engadindo que “sodes un dos primeiros elos da cadea produtiva primaria galega e unha peza clave para o traballo dos nosos gandeiros”. Ademais, José González destacou tamén a súa contribución ao dinamizar o rural galego, sendo unha fonte de emprego para máis de 1.400 familias e asegurando o futuro do noso agro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.