Juan Carlos Francisco urxe coñecer as restricións e medidas de apoio da Xunta ao deporte autonómico federado

Publicado por o día 21/01/2021 na sección de Política,PSOE

O portavoz de Deportes do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, vén de reclamarlle ao secretario xeral para o Deporte que explique no Parlamento as consecuencias das novas restricións decretadas sobre o deporte autonómico federado. O responsable socialista presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que clarifique o futuro inmediato das competicións federadas e dea conta de posibles medidas de apoio.

O responsable socialista amosou a súa “vontade construtiva e de consenso” para permitir que “dende a Administración autonómica se adopten as medidas máis axeitadas en beneficio do deporte federado de ámbito autonómico”. Reclámalle así ao goberno galego que explique en sede parlamentaria “a realidade presente e futura que lle espera ao deporte autonómico federado en Galicia nos próximos meses”.

En concreto, Francisco reclama coñecer a situación das competicións que aínda non comezaron, e en concreto se “deben quedar suspendidas definitivamente na presente tempada deportiva”, diante da “inexistencia dun horizonte medianamente previsible sobre o devir da pandemia e os efectos da mesma nas decisións que se vexan obrigadas a adoptar as administracións públicas”-

Esta situación “fai imposible que os deportistas e os clubes federados de ámbito autonómico poidan planificar cun mínimo de rigor o devir da tempada en curso, tanto no ámbito deportivo coma no económico”.

Axudas

Juan Carlos Francisco reclámalle ao goberno galego que neste sentido explique “se valora manter ou reorientar as ordes de axuda para que os clubs poidan acceder igualmente a subvencións en caso de non inicio das competicións”.

Pídelle ademais ao goberno galego que explique se “valora establecer liñas de axuda extraordinaria para os clubs federados autonómicos, aínda que non se inicie a competición deportiva” e “dado o orzamento extraordinario da secretaría xeral para o Deporte de cara ao ano 2021”.