Juan de Castro despídese do Primavera do Cine tras cinco anos coma director

O responsable do Primavera do Cine, Juan de Castro, abandona a dirección do Primavera do Cine e a presidencia de Reencanto Producións, entidade organizadora do certame.
Publicado por o día 28/01/2020 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

Juan de Castro despídese do Primavera do Cine tras cinco anos coma director

O responsable do Primavera do Cine abandona a dirección do festival así como a presidencia de Reencanto Producións, entidade organizadora do certame. Deste xeito, Juan de Castro e o seu equipo máis cercano tomaron a decisión de non continuar no certame e comezar unha nova andaina profesional con novos proxectos cinematográficos e culturais.

Ademais, Juan de Castro confesa que “entre os motivos do cese encóntranse tamén diferenzas insalvables co equipo fundador e o desgaste de sacar adiante o festival con máis forza e corazón que medios materiais”.

Cabe destacar tamén que nas súas 5 últimas edicións este duplicou os seus espectadores, superando actualmente os 3000 asistentes. O seu orzamento tamén multiplicouse por 10 nestes anos.

Por todo isto, o que foi o director do Primavera do Cine nos últimos cinco anos e o seu equipo amósanse “satisfeitos da progresión e de ter celebrado en Vigo o festival de cine máis importante ata a data” confirma de Castro. Cos seus erros e acertos, mais aprendendo e gozando do traxecto, desexan un gran futuro ao cine en Vigo e prometen traer a cidade e a Galicia máis proxectos culturais de interese para toda a cidadanía, cos valores e principios que adoitan amosar en todas as súas accións. “Temos o convencemento de que todo o traballo feito non é en van e que os profesionais que recollan a nosa herdanza abandeirarán todos os principios do que foi o Primavera do Cine”, comenta Juan de Castro.

NOVOS PROXECTOS DESDE ABELLA PRODUCIÓNS

O equipo de traballo consolídase agora en Abella Producións, o cal acaba de realizar e producir o III Festival Internacional de Cinema Infantil de Ames. Tamén vai participar como xestor da próxima edición do festival multidisciplinar e sustentable The Wild.

Ademais, afirma Juan de Castro que “continuaremos desenvolvendo o Galician Freaky Film Festival, un certame que cada ano segue medrando e que celebrará unha nova edición neste 2020”.

Doutra banda esta nova entidade tamén ten en carteira tres proxectos cinematográficos relacionados co cinema e o Camiño de Santiago para conmemorar o próximo Xacobeo 2021.

Comentar noticia

Your email address will not be published.