Julio Torrado: “A Xunta incumpre deliberadamente coa Lei da Interrupción Voluntaria do Embarazo”

Publicado por o día 26/06/2019 na sección de Política,PSOE

Julio Torrado: “A Xunta incumpre deliberadamente coa Lei da Interrupción Voluntaria do Embarazo”

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe á Xunta de incumprir coa Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo “porque non lles gusta”. O responsable presentou unha interpelación para esixirlle ao goberno galego “máis recursos materiais e humanos” e escoller polo tanto “se están con Vox ou coas mulleres”.

Torrado lembrou a condena á Xunta por ter entorpecido e dificultado o procedemento de interrupción voluntario do embarazo a unha muller que en 2016 foi desprazada a Madrid, onde perdeu o fillo e foille extirpado o útero derivado da actuación da sanidade pública. Criticou que máis alá das desculpas ofrecidas publicamente daquela polo presidente da Xunta, o goberno galego continúa na mesma situación.

Advertiu que as mulleres galegas que se ven obrigadas a abortar non poden contar co respaldo do goberno galego, que naquel caso “demorou o proceso inxustamente, esixiu probas innecesarias” e alongou a situación “ata o punto de poñerse en grave perigo”.

Acusou así ao PP de seguir o ditado do seu líder nacional, Pablo Casado, que defende a derrogación da Lei actual para volver á do ano 85. Acusounos de seguir “campañas electorais nas que se di que as mulleres teñen que ser autenticamente mulleres e explicarlles o que levan dentro”, ou nas que se compara o aborto coas prácticas neandertales, como fixo o candidato do PP Adolfo Suárez Illana.

Julio Torrado censurou ao goberno galego por terse condicionado pola posición política de Vox, abertamente contrario á interrupción voluntaria do embarazo e que “di o que no PP queren dicir pero non se atreven, son o PP sen autocensura e con alevosía”. Considerou “perigoso” un PP que “cando se trata do dereito ao aborto falan co logo azul detrás pero senten o verde de Vox”.