Julio Torrado: “A Xunta, responsable da desatención no PAC da Estrada que provocou o falecemento dun paciente en agosto”

Publicado por o día 17/12/2018 na sección de Política,PSOE

Julio Torrado: “A Xunta, responsable da desatención no PAC da Estrada que provocou o falecemento dun paciente en agosto”

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, responsabilizou hoxe ao goberno galego da falla de persoal no PAC da Estrada cando faleceu un paciente o pasado 4 de agosto. O responsable socialista apuntou á decisión “planificada e premeditada” de “xogar ao límite” coas planificacións de persoal e que provocaron que o PAC quedara desatendido cando o único equipo médico tivo que saír atender unha urxencia.

O portavoz socialista alertou do risco de que se teñan “duplicado efectivos” para que o centro figure “no papel” como cuberto cando en realidade un mesmo facultativo está apuntado en dous centros diferentes de eoxis diferentes, polo que reclamoulle ao goberno que explique “como planifican as quendas, que documentación existe e como figura o persoal.

Torrado lembrou neste sentido as declaracións do presidente da Xunta, que xustificou a ausencia do médico porque “entendeu que estaba noutro PAC asignado e alá se foi”, antes de dar por certo que “sempre houbo dous médicos na Estrada nas quendas de fin de semana”, mentres a familia do falecido sinala que o centro estivo cun só facultativo a lo menos en tres ocasións dende o 2 de xullo, e puxo como exemplo o 25 de xullo.

Escusa

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista acusou hoxe ao goberno galego de “utilizar” as carencias da sanidade pública “máis como unha escusa que coma un problema”. Así o dixo logo da intervención do portavoz da familia do falecido no PAC da Estrada, Manuel Pereira, e do médico Eduardo Díaz e a enfermeira Pilar González, da plataforma “PACs en pé de guerra” convidados polos grupos Socialista, de En Marea e do BNG.

O responsable socialista referiuse ao traballo dos profesionais sanitarios como “un tesouro” polo seu esforzo por enfrontarse día a día ao “déficit de recursos materiais e humanos” que provoca o “déficit asistencial” e que o goberno galego, dixo, non quere afrontar. Desmentiu as escusas do Executivo apelando a unha suposta falla de persoal cando os orzamentos da Xunta prevén para 2019 58 médicos menos que en 2018, 317 menos que en 2017 e 1.249 menos que en 2019.

Comentar noticia

Your email address will not be published.