O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe á Consellería de Sanidade de ter provocado “o peor verán de xestión sanitaria que se lembra” logo de “converter o caos en desastre”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para repoñer os cadros de persoal e garantir as condicións laborais, que foi rexeitada polo PP na Comisión de Sanidade celebrada hoxe no Parlamento.
O responsable socialista responsabilizou ao goberno galego de ter provocado a terceira peor ratio de médicos por paciente do Estado, sinaladamente despois de ter renunciado a solicitar ata 150 prazas de medicina familiar ao facer caso omiso das xubilacións de profesionais que, ironizou, “eran imposibles de prever”.
A situación, dixo, provoca a saturación do servizo e pon aos profesionais da sanidade pública ao límite nun momento crítico, véndose superados por máis de 100 pacientes nunha mesma quenda e disparando polo tanto as listas de espera de Atención Primaria que “nunca ocorreran como agora”. A cobertura dos PACs, sinala, é “escandalosa” con menos profesionais dos que lles corresponden de maneira sistemática pola negativa do Sergas a contratar substitucións.
É o caso de Baltar ou Portonovo, ou a situación estrema de O Grove, con 6 prazas pero con días cun só profesional en pleno verán nunha zona que tamén é destino de vacacións. Mentres, lembrou que hai profesionais que acumulan 250 contratos en 3 anos, que levan 10 anos cubrindo o mesmo posto con contratos periódicos, ou cubrindo baixas dun ano con contratos dun mes.
Recoñeceulle tamén en ton sarcástico o mérito da Consellería de “conseguir o consenso en contra”, para reclamar a continuación que “esta deriva pare xa” e que rematen cun modelo que se ten demostrado “fracasado”. Acusou ao goberno galego de actuar de forma “tramposa e mentirosa” ao asinar un documento para a mellora da atención sanitaria que despois incumpren “agás para cambiar as impresoras”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.