Julio Torrado afirma que urxe reforzar o persoal sanitario para afrontar o plan de vacinación

Publicado por o día 27/01/2021 na sección de Política,PSOE

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamou hoxe o reforzo do persoal sanitario destinado ao Plan de Vacinación fronte ao coronavirus. O responsable socialista presentou unha interpelación na que alertou das dificultades da campaña de vacinación e urxiu a implicación da administración autonómica para culminar “o éxito da vacinación derivado da colaboración entre as administracións de Galicia, España e a UE”.

Torrado acusou ao presidente da Xunta de terse “esquecido” de cando presumía de ter un membro do goberno no Consello Interterritorial que o 23 de decembro acordou o Plan de Vacinación. Sinalou que “semella que ao presidente da Xunta lle molesta que a Consellería de Sanidade colabore co Ministerio”, xa que “prefire saírse dun éxito conxunto só para confrontar”.

O parlamentario socialista subliñou que, en contra do que apuntou o presidente da Xunta esta mañá, “si que fai falta máis persoal” porque, apuntou, “se fora tan fácil como di vacinar a 100.000 persoas nun só día, por que a campaña da gripe dura meses para subministrar 250.000 vacinas”. Reclamou o reforzo dos dispositivos “a pesares de que agora teñan optado pola propaganda só porque a alguén lle ensinaron a multiplicar cantas vacinas se poñen nun día”.

Advertiu que o ritmo acadado ata o momento deriva de ter disposto as vacinas en lugares concentrados, unha tendencia que será máis complicada “cando teñamos que facer visitas a domicilio ou desprazar aos maiores ata os centros”. Sinalou que “o ritmo vai ser máis laborioso pero disporemos de máis vacinas, e polo tanto necesitaremos máis persoal”.

Julio Torrado confesou “non entender por que para o goberno galego é un problema contratar máis”, e lembrou que o dispositivo de reforzo ata o momento limítase a 207 enfermeiras e enfermeiros para aplicar as vacinas. Explicou que “o Sergas segue a ter en nómina a 52 sacerdotes, co que no sistema sanitario público hai un clérigo por cada 4 enfermeiras contratadas para a campaña de vacinación”.

Industria farmacéutica desleal

O responsable socialista desafiou ao presidente da Xunta a “ser valente e cando diga que fallan as vacinas, diga tamén quen é quen está a ser desleal”, en alusión á actuación das farmacéuticas que están a anunciar retrasos logo de acadar o financiamento público para desenvolver as vacinas. Sinalou que “estamos a ver que ao final o diñeiro público é o que garante o avance, e a empresa privada é a que está a facer negocio a costa do cidadán”.

Defendeu a intervención pública “fronte a quen defende que só a empresa privada crea riqueza e xera avance”, e advertiu da “gran necesidade de que a administración pública invista en investigación e ciencia”. Acusou ao goberno galego de “racanear ata o estremo os salarios e convenios laborais dignos para os invcestigadores”.

Torrado afeoulle ao goberno galego que teña “desenvolto unha política industrial que permitiu que unha empresa potentísima do sector da farmaindustria se marche para Portugal”. Engadiu que “hoxe hai en Galicia grupos investigadores que están a desenvolver vacinas e tratamentos alternativos fronte ao coronavirus e que denuncian que non teñen recibido un só euro de axuda pública procedente da Xunta”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.