Julio Torrado: “Desleixo e abandono do Hospital do Salnés”

Publicado por o día 06/11/2018 na sección de Política,PSOE

Julio Torrado: “Desleixo e abandono do Hospital do Salnés”

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle ao goberno galego un plan de contratación de persoal para o Hospital do Salnés que permita manter aberta a terceira planta de forma permanente. O responsable socialista sinalou ao “desleixo e abandono” por parte de Sanidade como motivo da situación insostible deste centro.

Sinalou que a “auténtica precariedade” dos profesionais do centro deriva nun descenso acusado na calidade da atención do hospital, sinaladamente grave diante da inminente chegada dos episodios de gripe, que prevé unha entrada masiva de pacientes e “provoca un enorme escenario de incerteza para profesionais e pacientes”.

Torrado explica que a campaña de inverno atopa ao centro hospitalario logo de ter vivido “un novo problema serio” a finais de outubro e primeiros días de novembro, con “varios pacientes en cabinas de urxencias sen poder ingresar por non haber camas dispoñibles”. Esta falla de espazo, dixo, deriva de que a terceira planta está pechada dende xuño ao carecer de persoal para atender esta planta.

A limitación de camas, advirte, “obrigou non só a estas citadas esperas en urxencias, senón a manter na segunda planta, destinada a outros fins, ata 5 pacientes de obrigado illamento”, o que limitou a capacidade do hospital por ter que dedicarlles habitacións dobres a estas persoas.

O responsable socialista reclámalle ao goberno galego que realice un informe sobre a resposta ofrecida pola dirección do centro ante as demandas de profesionais e usuarios naquelas datas logo de vivir as prolongadas esperas en urxencias de pacientes sen cama dispoñible en planta.