Julio Torrado: “Máximo cinismo político do conselleiro de Sanidade”

Publicado por o día 20/03/2019 na sección de Política,PSOE

Julio Torrado: “Máximo cinismo político do conselleiro de Sanidade”

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, cualificou as declaracións do conselleiro de Sanidade de “mostra de cinismo político levado á máxima expresión” dentro da “fuxida a ningures” de Vázquez Almuíña. Así o dixo logo de que o representante do goberno galego se queixara en Madrid de non ter acadado as acreditacións para ampliar as prazas de MIR de médicos de Familia e Pediatría que eles levan 10 anos sen presentar.

Torrado cualificou de “pirueta dialéctica máis propia dun exercicio circense que dun representante político cun mínimo de responsabilidade” o feito de que o goberno galego “agora pretende responsabilizar ao goberno central de non ter feito as tarefas que son obriga da Consellería de Sanidade”.

O responsable socialista cuestionou a “repentina hiperactividade e exceso de celo” amosadas pola Consellería de Sanidade cando “hai pouco máis dun mes rexeitaban no Parlamento de Galicia unha moción do Grupo Socialista xustamente neste sentido”. Daquela, lembrou, “reclamabamos axilizar os procesos de acreditación de prazas de novo ingreso para MIR de Pediatría, , dotarlle de recursos á Facultade de Medicina e de mellorar as condicións dos profesionais”.

Sinalou que “o goberno que agora se amosa hipocritamente indignado foi o que o pasado 26 de febreiro impedía o acordo parlamentario para contar con máis profesionais”. Sinalou que “coa que está caendo e o goberno de Feijóo reduciu as prazas acreditadas de Medicina Familiar e Comunitaria se reduciron de 117 de 2012 a 110 de 2018”.

Criticou que agora urxan ao goberno central a incrementar as prazas ofertadas, cando o goberno galego conxelou as prazas de Pediatría nos anos 2016, 17 e 18 en 20 por exercicio en conivencia co goberno de Rajoy. Dixo que “se tanta presa teñen por que non o dixeron antes” e engadiu “que ben lles sentou a chegada do goberno de Sánchez que agora se acordan de facer o seu traballo”.

O responsable socialista advertiu que mentres o actual goberno central “intenta buscar solucións”, en Galicia “atopámonos cun goberno que só se preocupa de intentar facer campaña electoral contra o PSOE”. Esixiulles que “fagan os deberes, acrediten as prazas, fagan o seu traballo, indiquen onde están esas prazas, con que recursos e en que hospitais”.

Contratos

Ademais, criticou que o conselleiro de Sanidade se teña vangloriado de que a proposta de contratos para os residentes que teñan o MIR sexa “idéntica” á presentada pola Xunta. Torrado explicou que “lonxe de ser nin sequera semellante, a proposta do Ministerio de Sanidade é exactamente o dobre que a do goberno galego, xa que de entrada onde a Xunta fixa un contrato de un ano, o Goberno de España quere fixar contratos de un mínimo de dous anos”.