Julio Torrado: “O goberno galego deixa desatendidas a 135.000 persoas maiores que viven solas en Galicia”

Publicado por o día 12/06/2019 na sección de Política,PSOE

Julio Torrado: “O goberno galego deixa desatendidas a 135.000 persoas maiores que viven solas en Galicia”

O parlamentario socialista Julio Torrado reprochoulle hoxe ao goberno galego a resposta “tibia” fronte ao problema da soidade entre os maiores. Torrado presentou unha interpelación para reclamarlle ao goberno galego que “acade unha perspectiva común e lle dea a dimesión que merece” unha situación que afecta a 135.000 galegos e galegas de máis de 65 anos.

O responsable socialista alertou do “estancamento” das escasas iniciativas anunciadas polo goberno galego, que “máis alá de recoñecer a realidade non teñen feito nada”. Criticou que “pretendan que a sociedade se autoxesione” tanto a través da iniciativa particular como a través dos servizos sociais municipais, que teñen “máis traballo e menos dotación da que deberan” por parte das administracións “superiores”.

Sinalou que a apatía do goberno galego contrasta cos datos “demoledores” da xestión de Feijóo, que en 10 anos non abriu ningunha nova praza en residencias de maiores de carácter público, demostrando unha “cero xestión pública” e sen que “faga nada, máis alá de dicir que lle preocupa”.

Advertiu que as escasas iniciativas anunciadas polo goberno galego están dirixidas a persoas maiores “que xa son proactivas”, pero sinalou que a súa actuación debera centrarse en “aqueles que non son tan activos e están afastados da vida urbana”. Sinalou que o programa de balnearios Talasso, presentado pola conselleira, “non afecta á esencia dos problemas da soidade non desexada”, ou o caso do programa Acompaña, que apenas beneficiou a 45 persoas.

Apuntou que “hai moitísimas persoas que non son activas e que precisamente por iso precisan dunha atención maior”, ademais de que sufran os problemas da dispersión da poboación e as comunicacións interiores de Galicia. Neste sentido, advertiu que resulta “difícil que utilicen unha app nun teléfono móbil cando son persoas maiores que viven en localidades sen cobertura de datos.

Torrado chamou ao goberno galego a amosarse “conscientes dun problema e con vontade de resolvelo” máis alá de “lanzar programas agardando que –os maiores- veñan a eles”, e instou a acadar “algún acordo para ver de acadar algún avance nestas cuestións”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.