O Kaleido Universidade de Vigo, derrotado polo Burgos Colina Clinic

Os burgaleses venceron 57 a 5 ao equipo de Maxwell, que notou a baixa de Tatafu
Publicado por o día 23/10/2017 na sección de Deportes,Universidade de Vigo

O Kaleido Universidade de Vigo, derrotado polo Burgos Colina Clinic

Dominio de principio do Universidad de Burgos Colina Clinic ante o Kaleido Universidade de Vigo, que foi literalmente arrollado polo conxunto burgales, que aproveitando a derrota do Zarautz acadou o liderado da División de Honra B. No campo de San Amaro, o Kaleido Universidade de Vigo botou o resto para intentar frear ao rival, acadando en varias fases do encontro o dominio territorial, non obstante o UBU Colina Clinic amosou a súa superioridade no xogo cerrado e a súa efectividade na transmisión.

O equipo vigués acusou a baixa de Maka Tatafu e aínda que a súa actitude e empuxe chegaron a poñer puntualmente en problemas ao rival, a superioridade dos burgaleses traduciuse nun contundente 57 a 5 final. Trala derrota desta fin de semana, o Kaleido Universidade de Vigo, que baixa ata a quinta posición da clasificación, recibirá a próxima xornada ao Bathco Rugby Club, segundo clasificado da categoría.

Antes do inicio do partido ante o UBU Colina Clinic, o Kaleido Universidade de Vigo despregou unha pancarta co lema Nunca máis en lembranza das vítimas e en solidariedade das persoas afectadas polos lumes da pasada semana en Galicia.