”la Caixa” acompañou en Galicia a máis de 7.700 persoas no final da súa vida

Publicado por o día 06/11/2019 na sección de Galicia,Vigo

”la Caixa” acompañou en Galicia a máis de 7.700 persoas no final da súa vida
O Programa para a Atención Integral a Persoas con Enfermidades Avanzadas de ”la Caixa” cumpre o seu primeiros dez anos de traxectoria en Galicia atendendo a 7.707 persoas en situación de enfermidade avanzada e 9.040 familiares. Os datos foron presentados esta mañá na cidade de Vigo durante un almorzo informativo no cal interviñeron o subdirector xeral da Fundación Bancaria ”la Caixa”, Marc Simón; a directora da área de Pobreza e Saúde da Fundación Bancaria “la Caixa”, Montse Buisán; o director científico do Programa para a Atención Integral a Persoas con Enfermidades Avanzadas, Xavier Gómez-Batiches, e a presidenta da Xunta Provincial da AECC de Pontevedra, Maria Josefa Crespo. Acompañáronlles unha paciente e dous familiares atendidos polo programa.
 
Marc Simón destacou: «o programa converteuse nun modelo sólido, apoiado e apreciado pola comunidade científica internacional». Neste sentido, o Consello de Europa publicou recentemente un informe en materia de coidados paliativos que fai unha distinción ao Programa para a Atención Integral a Persoas con Enfermidades Avanzadas de ”la Caixa” como servizo exemplar na atención social e espiritual.

10 anos acompañando ás persoas no tramo final das súas vidas

A nivel global o programa, enmarcado na Estratexia de Coidados Paliativos do Sistema Nacional de Saúde, impleméntase a través dunha rede de Equipos de Atención Psicosocial (EAPS) distribuídos por todo o Estado e proporciona a enfermos e familiares unha atención cálida e personalizada que complementa o labor que as unidades de coidados paliativos realizan en hospitais e domicilios. A súa finalidade é alcanzar unha atención integral baseada no apoio emocional, social e espiritual ao paciente e aos seus familiares, e tamén na atención ao duelo, o apoio a profesionais de coidados paliativos e o acompañamento a cargo de máis de 1.000 voluntarios de toda España. A día de hoxe, o programa impleméntase en 128 hospitais de toda España e en 133 unidades de apoio domiciliario, a través de 42 EAPS formados por psicólogos, traballadores sociais, enfermeiros, médicos, axentes pastorais e voluntarios.
 
En Galicia o programa actúa en dous complexos hospitalarios e seis Equipos domiciliarios, a través de dous EAPS.
 
Por unha banda, o EAPS Cruz Vermella A Coruña, traballa no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC), concretamente no Hospital de Oza, o Hospital Teresa Herrera e no HUAC. Tamén actúa nun Equipo domiciliario. O EAPS está formado por cinco psicólogos.
 
Doutra banda, o EAPS AECC Pontevedra, actúa no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), concretamente no Hospital Álvaro Cunqueiro, o Hospital Povisa e en cinco Equipos domiciliarios. Fórmano catro psicólogos e un traballador social.
 
Co Programa para a Atención Integral a Persoas con Enfermidades Avanzadas, as dimensións que melloran nos pacientes son a psicolóxica, a social e a espiritual. A primeira avaliación científica do programa conclúe que a atención psicosocial ofrecida responde as necesidades dos enfermos atendidos e mellora no 90% os síntomas a nivel anímico e psicolóxico. O estudo establece que o 92% das persoas enfermas cualifican de excelente ou moi boa a atención recibida, e preto do 90% aseguran que puideron resolver temas pendentes (a maior parte deles, vinculados á comunicación e a relación coa familia e a contorna) grazas a este apoio.

Porque a vida segue sendo vida ata o último instante

Esta tarde tivo lugar un acto no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, ao que asistiu o alcalde da cidade Abel Caballero, presidido polo subdirector xeral da Fundación Bancaria ”la Caixa”, Marc Simón, no que se conmemoraron os dez anos do Programa para a Atención Integral a Persoas con Enfermidades Avanzadas. Rendeuse homenaxe aos profesionais, expertos, familiares e voluntarios que o desenvolven e participan nel, e especialmente a aquelas persoas que xa non están entre nós, pero forman parte da nosa vida. No encontro compartíronse experiencias, aprendizaxes e ferramentas para afrontar o tramo final da vida e a etapa de duelo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.