Lalín bota a andar o próximo venres o programa de actos promocionais da 51 Feira do Cocido que se desenvolverá nas principais prazas de abastos de Galicia

As presentacións chegarán aos mercados de Pontevedra, Vilagarcía, Vigo, A Coruña, Lugo e Santiago de Compostela
Publicado por o día 15/01/2019 na sección de Galicia,Lalín

Lalín bota a andar o próximo venres o programa de actos promocionais da 51 Feira do Cocido que se desenvolverá nas principais prazas de abastos de Galicia

O Concello de Lalín poñerá en marcha esta semana o novo programa de actos promocionais da 51 edición Feira do Cocido que permitirá difundir o festexo gastronómico e os atractivos turísticos de Lalín polas principais cidades de Galicia a través dos seus mercados de abastos. Como explicou o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, o Goberno municipal optou este ano por esta proposta novidosa para dar a coñecer o Cocido e os recursos turísticos da nosa Vila. Concretamente, a iniciativa consistirá na realización dun percorrido por 6 das principais e máis coñecidas prazas de abastos do país, onde se realizará unha presentación da Feira, patrocinada por GADIS e coa colaboración de ABANCA e COREN, acompañada de cociña en directo por parte de cociñeiros lalinenses e de degustacións gratuítas de tapas baseadas no Cocido e nos produtos de Lalín, que permitirán -ao mesmo tempo- poñer en valor a elevada calidade da nosa hostalería e os novos valores da cociña lalinense. Os actos sempre se acompañarán dunha ampla mostra do produto feito en Lalín, complementando de maneira ideal esta campaña de promoción, así como en xeral a oferta comercial do municipio.

A intensa campaña promocional desenvolverase durante as próximas semanas e levará o Cocido aos mercados de abastos máis importantes de Galicia, que non só funcionan como motores do comercio local, senón que incluso o fan como centros de atracción de visitantes. O programa comezará en Pontevedra (18 de xaneiro), e continuará en Vilagarcía (26 de xaneiro), A Coruña (Mercado de San Agustín, 2 de febreiro), (Vigo, 5 de febreiro), Lugo (9 de febreiro) e Santiago de Compostela (16 de febreiro). Trátase, en todos os casos, de mercados moi recoñecidos e de contrastada afluencia de público, o que garantirá unha promoción eficaz do evento chegando, ademais, a unha gran cantidade de público obxectivo susceptible de achegarase posteriormente á Feira, que se celebra o día 24 de febreiro. As sesións promocionais estarán coidadas ao detalle e organizadas de tal modo que capten a atención dos cidadáns que acoden ás prazas. Deste xeito, colocarase un set gastronómico con acabados en madeira e de deseño atractivo e versátil con cociña incorporada e espazo para a realización de difusión turística, que tamén contará con todo o material de promoción turística e cultural do Concello (rueiro, todos os folletos sobre os diferentes atractivos turísticos de Lalín) e unha pantalla de televisión para a emisión dos diferentes vídeos promocionais do municipio, entre outros recursos.

Francisco Vilariño sinalou que este ano se optou por esta novidosa modalidade promocional en substitución do bus do cocido, por considerar que tras 3 anos de exitoso percorrido era hora de formular un cambio nas iniciativas de difusión da Feira para alcanzar de novo o máximo impacto.  O bus do cocido, explicou o concelleiro, foi unha proposta orixinal e innovadora que nos permitiu fomentar a Feira e a oferta turística de Lalín de maneira maxistral, alcanzando uns excelentes resultados, mais tras varios anos de percorrido por vilas e cidades de Galicia e do exterior, no Goberno entendemos que o seu factor de impacto podía decrecer, polo que para o 2019 apostamos por un cambio. Porén, engadiu, despois de estudar varias posibilidades, decidímonos por difundir a Feira aproveitando o “tirón” que teñen as principais prazas de abastos de Galicia e que nos garanten chegar a un gran número de público obxectivo. Estamos seguros -afirmou o concelleiro- que esta modalidade vai traer uns magníficos resultados e que terá unha resposta moi satisfactoria por parte da cidadanía. Con esta idea, finalizou, tamén tratamos de poñer en valor o papel fundamental que xogan os mercados de abastos como exemplo de comercio de proximidade e de produto de calidade. Tendo en conta ademais a estreitísima relación que garda o Cocido de Lalín con algúns dos produtos galegos máis recoñecidos pola súa calidade, e que todos eles se poden atopar nas prazas, consideramos que esta modalidade promocional se adapta 100% ao que buscamos transmitir e nos asegura que os obxectivos de difusión da Feira e de Lalín se van alcanzar con creces, finalizou o concelleiro de Turismo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.