Lalín con Gusto xa prepara a súa terceira edición que se celebrará os días 27 e 28 de abril

Francisco Vilariño, mantivo onte unha reunión de traballo con preto dunha ducia de integrantes da cociña e do sector da hostalería local, que tivo como finalidade avanzar na organización dunha experiencia que acadou unha considerable repercusión nas súas dúas primeiras citas
Publicado por o día 24/01/2019 na sección de Galicia,Lalín

Lalín con Gusto xa prepara a súa terceira edición que se celebrará os días 27 e 28 de abril

O evento gastronómico Lalín con Gusto organizado pola concellería de Turismo do Concello de Lalín, xa prepara a súa terceira edición logo do absoluto éxito das dúas pasadas. O concelleiro, Francisco Vilariño, mantivo onte unha reunión de traballo con preto dunha ducia de integrantes da cociña e do sector da hostalería local, que tivo como finalidade avanzar na organización dunha experiencia que acadou unha considerable repercusión nas súas dúas primeiras citas e que este ano experimentará novamente un importante salto de calidade, “mantendo aqueles aspectos que mellor funcionaron e mellorando ou introducindo moitas outras propostas” sinalou. Unha das cuestións que se fixou no encontro de onte foi a elección da data do evento, que nesta ocasión se celebrará os días 27 e 28 de abril.

O concelleiro afirmou, en todo caso, que “cada unha das medidas que se tomen irán encamiñadas a potenciar unha actividade que nas primeiras edicións xa superou todas as expectativas, non só pola gran asistencia de público, senón tamén por alcanzar sobradamente os obxectivos para os que puxemos en marcha este proxecto: poñer en valor a variedade e a calidade do produto de Lalín e potenciar e dar a coñecer o talento da hostalería e a restauración local”.

Así, Francisco Vilariño adiantou que as principais novidades que se pretenden introducir, entre outras cuestións, están relacionadas coa mellora da infraestrutura que acolle o evento, así como coa incorporación de novos participantes aínda que se contará, como garantía, coa práctica totalidade dos cociñeiros e cociñeiras das primeiras edición. Un dos cambios no Lalín con Gusto 2019 que se está valorando é o de trasladar o escenario á praza humanizada da rúa Matemático Rodríguez, fronte á estatua de Joaquín Loriga, aproveitando así este espazo recuperado polo Concello de Lalín que se adaptaría á perfección para a organización deste evento. Ademais e, co obxecto de garantir que o Lalín con Gusto continúe sendo unha aposta atractiva para todos e todas e un espectáculo alonxado da monotonía, na reunión barallouse a posibilidade de centrar cada nova edición nunha temática gastronómica ou produto concreto, sobre a que xiraría todo o programa. Por outra banda, como avanzou o edil, este ano acordouse que os cociñeiros e cociñeiras cociñarán en parella para darlle máis dinamismo a cada intervención. Así mesmo e, debido á boa acollida que tivo na pasada edición, manterase a participación dos nutricionistas e as actividades infantís. Tamén se conservarán as actuacións musicais en vivo que neste caso, tal e como avanzou Vilariño, serán de moi alto nivel e constituirán un dos principais atractivos do evento.

Comentar noticia

Your email address will not be published.