Lamentamos que Feijóo continúe facendo campaña en vez de planear a desescalada coa oposición

Na rolda de prensa desta mañá Feijoo informaba da metodoloxía para a desescalada en Galicia que propuxo a Sánchez, proposta da que non deu conta previamente á oposición.
Publicado por o día 26/04/2020 na sección de Coronavirus,En Marea,Política

Lamentamos que Feijóo continúe facendo campaña en vez de planear a desescalada coa oposición

Dende En Marea amosamos sempre a nosa disposición para traballar da man co goberno galego en aquelas propostas que vaian encamiñadas a frear a expansión do virus así como a protexer ás persoas e colectivos que están a quedar en risco de exclusión por mor dalgunhas medidas adoptadas ata o momento, polo que remitimos hai semanas á Presidencia un amplo documento co noso posicionamento político e propostas para facerlle fronte á emerxencia sanitaria derivada do coronavirus. Nese documento alertabamos da desprotección e precariedade do persoal sanitario e non sanitario, e facíamos propostas tanto no ámbito sanitario como no social, educativo, cultural… Propuxemos establecer a Renda Básica Universal, medidas fronte o aumento da violencia machista derivada da situación de confinamento, medidas específicas para o rural, e enfatizamos a relevancia do autogoberno e a transparencia.

Hoxe o noso deputado, Davide Rodríguez, volvía lamentar que Feijoo continúe permanentemente na TVG facendo campaña e propaganda mentres non da conta aos grupos da oposición, como se demostrou coa proposta de desescalada feita ao goberno do estado hoxe, sen o coñecemento previo dos grupos.

Davide Rodríguez advirtíalle hoxe da necesidade de valorar detidamente o proceso de minorización das medidas restritivas (desescalada), tendo moi presente as recomendacións tanto da OMS como das expertas sanitarias e os estudos realizados, e emprazaba a Feijoo a deixar de excusarse en Madrid e facer uso das competencias que lle son propias.

Dende En Marea non entendemos a incoherencia amosada polo Presidente ao esixir a Sánchez un mapa de desescalada ao tempo que reivindicaba coñecer os resultados do estudo antes de tomar decisións, estudo que en Galicia comezouse dous días antes de que o propio Feijoo adiantase algunhas das medidas da súa proposta de desescalada, como a posibilidade de abrir concesionarios.

Hoxe Feijoo mentiu na rolda de prensa, ao asegurar que se estaban testando a toda a poboación, pois sen ir mais lonxe, hai persoal sanitario recollendo mostras para o estudo ao que non se lle fixo ningunha proba, tal e como xa cuestionou En Marea.

Dende En Marea tamén cuestionamos se Galicia cumpre as condicións marcadas pola OMS para levantar o confinamento, entre as que se atopan que a transmisión do virus estea controlada, o sistema de saúde preparado para detectar, probar, illar, tratar cada caso e rastrexar cada contacto, minimizar os riscos de novos brotes en residencias de maiores, etc.

A falta de transparencia nos datos, a precariedade laboral, o risco de contaxio e baixas do persoal sanitario ao non facerlles o test ou a decisión de pechar a UCI do hospital de Montecelo de Pontevedra no medio da crise sanitaria, son consideracións polas que En Marea entendemos que habería que tomar decisións con moita cautela neste sentido.

Para nós é esencial centrar atención e recursos na atención sanitaria e social, e paliar a fenda social, a fenda de xénero, a fenda dixital e a fenda rural.