Lanzan a campaña ‘#SeMerecenUn10’ para loitar contra a obsolescencia programada

Amigos da Terra propón esta ciberacción cuxo obxectivo é lograr apoio social para reducir do 21% ao 10% o IVE aplicado aos servizos de reparación, segunda man e alugueiro.
Por o 30/11/2017 | Sección: Amigos da Terra,Galicia,Política
Lanzan a campaña ‘#SeMerecenUn10’ para loitar contra a obsolescencia programada

Amigos da Terra lanza a petición ‘#SeMerecenUn10’, unha iniciativa cuxo obxectivo é loitar contra a obsolescencia programada a través da redución do IVE aplicado aos servizos de reparación, aos establecementos de segunda man e de alugueiro. Desde a asociación e, a través da campaña, pídese ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas que este gravame pase do 21% actual ao 10%.
“Ao reducir a carga impositiva sobre as reparacións, e por tanto o seu prezo, fomentarase a práctica da reparación, o alugueiro ou a reutilización fronte á compra de produtos novos e incentivarase aos fabricantes para que os seus produtos sexan reparables e duradeiros”, explica Maria Durán, responsable da área de Recursos Naturais e Residuos de Amigos da Terra. Esta ‘ ciberacción’ busca concienciar á cidadanía sobre a necesidade utilizar estes servizos tan positivos para o interese xeral e recoller sinaturas para conseguir que as institucións, partidos políticos e distintos colectivos incentiven a súa creación e premien a súa labor. Ademais, esta iniciativa forma parte da campaña “Alargascencia”, un directorio de establecementos onde reparar, alugar e comprar de segunda man cuxo fin é ofrecer alternativas fronte á obsolescencia creado pola organización.

“En Amigos da Terra cremos que as empresas de servizos de reparación, alugueiro e segunda man realizan un imprescindible labor social e ambiental. Son clave no noso obxectivo de acabar coa obsolescencia programada! Pero somos conscientes de que non basta con poñerlles un sobresainte, un 10. Son necesarias accións de promoción desde diferentes ámbitos, especialmente, as administracións públicas. Unha desas medidas debería ser a redución do IVE aplicado a estes servizos, que debería pasar do 21% actual ao 10%”, mantén María Durán.

O sector da reparación, o alugueiro e de segunda man en España achega un gran valor ambiental, tanto por alongar a vida útil dos produtos, evitando a xeración de residuos, como polo aforro de recursos naturais ao non ter que fabricar produtos novos. Con todo, non existe ningunha medida institucional para potenciar esta práctica. En cambio, esta iniciativa xa empezou a aplicarse en países como Suecia para favorecer as reparacións, que xa eliminou a totalidade do IVE a estes servizos. Entre as diferentes medidas que propón Amigos da Terra para loitar fronte á obsolescencia programada atópase a ampliación do período de garantía de dous a cinco anos, incentivos fiscais a produtos duradeiros e reparables, incluír máis produtos na listaxe de obrigatoriedade de garantía, así como a dispoñibilidade de pezas de recambio. A organización defende que é necesario acabar co modelo de usar e tirar e aposta por un comercio local onde as persoas e o planeta están no centro das decisións. Por esta razón, anima á cidadanía para formar parte desta iniciativa para reducir o IVE que fomentará a economía local e un medio ambiente saudable.

Notas:

Ciberacción: www.semerecenun10.tierra.org
Directorio de Alargascencia: www.alargascencia.org

MOTIVOS POLOS QUE SE MERECEN UN 10

1. Máis reparación suporá que cidadanía, empresas e administracións públicas deixen de xerar millóns de toneladas de residuos. Permitiría reducir considerablemente o millón de toneladas de produtos electrónicos que producimos en España cada ano.

2. A xeración de menos residuos levará un aforro de custos de xestión para concellos e comunidades autónomas, recursos que poderán destinar a educación, sanidade, dependencia ou outros servizos para a cidadanía.

3. Produtos con vidas útiles máis longas e servizos de reparación menos custosos suporán un aforro para familias e empresas, contribuíndo a mellorar a súa situación económica, moi deteriorada como consecuencia da crise financeira dos últimos anos.

4. Dado que a maioría dos servizos de reparación son ofrecidos en pequenos comercios locais, o seu fomento será un impulso para as pequenas e medianas empresas, a principal fonte de emprego no noso país.

5. A redución de residuos fará menos necesarias infraestruturas de eliminación, vertedoiros e incineradoras que son responsables da degradación de numerosos espazos ao longo e ancho do noso país. Reduciranse, ademais, as súas emisións, que teñen graves impactos sobre a saúde.

6. Será unha importante contribución á loita contra a exportación ilegal de residuos que afecta a países como Ghana, onde cada ano van parar millóns de toneladas de produtos informáticos e electrónicos procedentes de todas partes do planeta, incluída España.

7. Permitirá reducir a extracción de minerais, especialmente nos países do Sur, que en non poucas ocasións está asociada a impactos negativos sobre os ecosistemas e os Dereitos Humanos das persoas que traballan na minería.

8. Reducirá o consumo de auga a nivel global, un recurso imprescindible e cada vez máis escaso. Neste sentido, lembramos que a produción dunha camiseta de algodón require de 3.900 litros de auga e a dun teléfono móbil de máis de 12.000.

9. Reducirase o uso de enerxía para a produción de novos bens de consumo, coa consecuente menor contribución ao cambio climático. Por exemplo, a produción dun computador require de 5.300 kWh de enerxía, o gasto medio dunha familia española de cinco membros durante case 20 meses.

10. Diminuirá a presión sobre determinados recursos naturais en lugares moi concretos do planeta como a República Democrática do Congo, que son fonte de conflitos armados con graves consecuencias para as poboacións civís locais.