Leiceaga denuncia unha “resposta “falsa e hipócrita” de Feijóo á crise de Barreras”

Publicado por o día 26/11/2019 na sección de Galicia,Naval,Política,PSOE,Vigo

Leiceaga denuncia unha “resposta “falsa e hipócrita” de Feijóo á crise de Barreras”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, denunciou hoxe a resposta “falsa e hipócrita” de Feijóo á crise de Barreras, xa que “”só está para celebracións, pero non para resolver os problemas e dificultades”. O responsable socialista interveu despois da Xunta de Portavoces do Parlamento que fixou a orde do día do Pleno da próxima semana no que o presidente do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, preguntaralle ao presidente da Xunta polo compromiso co naval galego.

Na súa última intervención antes de deixar a acta para pasar a formar parte do Senado, Leiceaga criticou que “cando Pemex entra como salvador de Barreras, débese aos desvelos e preocupacións de Feijóo, pero cando levan ao estaleiro a unha situación crítica, entón non ten nada que ver coa Xunta”. Explicou que a sesión de control do próximo Pleno centrarase en reclamar a implicación directa da Xunta diante das dificultades no naval, sinaladamente no estaleiro vigués Barreras.

Os socialistas galegos presentarán ademais unha interpelación sobre cambio climático para esixir o “compromiso claro e certo” do goberno galego para poñer en marcha un plan de descarbonización con “programación e calendario” dentro das competencias propias e en colaboración co goberno central. Lembrou que a Xunta ten competencias en materia agrogandeira, forestal, investimentos na industria ou infraestruturas de transporte, “centrais na estratexia de cambio climático”.

Paritorio de Verín

Fernández Leiceaga lamentou hoxe a negativa do PP á petición de comparecencia do conselleiro de Sanidade para dar conta da supresión do paritorio no Hospital de Verín, polo que os socialistas presentarán unha pregunta oral sobre este asunto concreto. Explicou que a situación do Hospital de Verín é “sintomático” dos recortes do goberno galego e desminte as declaracións da Xunta negando que a Lei de saúde afectara ás prestacións sanitarias no rural.

O responsable socialista criticou que o goberno galego decida recortar este servizo e trasladalo a Ourense na que teñen bautizado como “Lexislatura do Rural”, que culmina coa “supresión dun servizo básico para a loita contra o problema demográfico gravísimo de Galicia”. Advertiu que deste xeito “fan que dende o principio sexa máis cómodo residir nunha cidade” que na “Galicia periférica”.

Os socialistas galegos centrarán o próximo Pleno tamén na situación da sanidade galega, presentando ademais unha proposición non de Lei sobre as intervencións cirúrxicas nos centros sanitarios concertados, así como unha moción sobre pobreza e exclusión social.

Comentar noticia

Your email address will not be published.