Leiceaga reclama unha comisión no Parlamento de estudo dos incendios para analizar causas da vaga de lumes e propoña medidas

Por o 13/11/2017 | Sección: Galicia,Política,PSOE,Xunta de Galicia
Leiceaga reclama unha comisión no Parlamento de estudo dos incendios para analizar causas da vaga de lumes e propoña medidas

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou unha Comisión específica no Parlamento que avalíe a vaga de lumes de outubro que calcinaron 50.000 hectáreas en 24 horas, e que conclúa en 6 meses coa modificación da política forestal da Xunta. Advertiu que esta “vontade de cambio” nas políticas da Xunta é “incompatible” co actual director xeral de Política Forestal, investigado por presunta prevaricación.

Leiceaga instou ao PP e ao goberno galego a aprobar unha Comisión que estude en primeiro lugar as causas da vaga de lumes e que, a continuación, propoña “cambios na política agraria, forestal, de prevención, de extinción e de información á cidadanía”. O obxectivo último, dixo, é “explicar o que pasou e poñer en marcha unha política de país que evite que a situación se repita no caso de que coincidan unhas causas semellantes”.

Advertiu que “non vamos facer cuestión do nome ou de quen sexan os propoñentes” deste órgano, máis alá de que serva para os obxectivos que sinalou. No caso de que o PP se negue na Xunta de Portavoces de mañá a aprobar a Comisión de Estudo solicitada conxuntamente por socialistas e En Marea, dixo, será presentada no próximo Pleno cunha iniciativa específica para crear unha Comisión de Investigación.

Apuntou que os socialistas galegos continuarán coas solicitudes no caso de que o PP intente presentar unha Comisión de Investigación que obvie os incendios de outubro. Este debate, sinalou, “servirá como indicador de se a proposta reformista anunciada por Feijóo é real ou non” nun órgano que non debera de prolongar os seus traballos máis alá de seis meses, “suficientes para desenvolver o seu traballo con axilidade e calidade”.

O responsable socialista puxo en cuestión as 30 medidas presentadas como principal achega de Feijóo na súa comparecencia da semana pasada, que responden “moito máis á cosmética que a un compromiso real”. A inmensa maioría destas propostas, dixo, “ou xa están en marcha –ou a lo menos así debera ser-” e outras “supoñen o recoñecemento de erros pola vía indirecta”.

Sinalou así a proposta de Mando Único de emerxencias, xa recollido por Lei, ou a colaboración entre a Xunta e os concellos, así como a petición de que a totalidade dos concellos conten con servizo contra incendios. Apuntou que “se son propostas que xa están contempladas nas leis deberán explicar por que non se fixeron” e “demostrar se están dispostos a asumir erros cunha reforma de profundidade e non cosmética”.

Director xeral

O portavoz socialista cualificou ademais de “insostible” a continuidade do director xeral de Política Forestal logo da vaga de lumes de outubro e da súa investigación xudicial por presunta prevaricación na contratación dos helicópteros de extinción. Dixo que “non pode haber credibilidade reformista nin ética” coa continuidade de “quen contratou os helicópteros directamente sen seguir os procedementos por 6,3 millóns de euros”.

O portavoz socialista considera incompatible o propósito de emenda do goberno galego coa continuidade deste alto cargo, que ademais de estar implicado neste caso xudicial, é o responsable da política forestal durante 17 anos que levou á situación do pasado 15 de outubro.

Cartel contra a violencia machista

O portavoz socialista criticou hoxe, en resposta a preguntas dos xornalistas, o cartel presentado pola Xunta de Galicia con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que demostra a “torpeza” do goberno galego ao ofrecer unha “interpretación cosificadora” da muller con “alusións non procedentes”.

Amosou a súa “preocupación” por ese “erro” que demostra unha “torpeza que debe corrixirse” ao equiparar á muller cun monumento baixo o lema “O máis grande de Galicia non se maltrata”.

Ademais, lembrou o 15 aniversario da catástrofe do Prestige para sinalar que “algunhas ensinanzas non se converteron en políticas efectivas para evitar unha nova catástrofe”, e sinalou por exemplo que a día de hoxe “aínda non temos designados o portos refuxio” logo de toda a polémica no seu día sobre o destino do buque sinistrado.

Lamentou que tres lustros despois aínda continúe a batalla xurídica con relación a “quen asume a responsabilidade financeira das consecuencias da catástrofe”, cunha xustiza “demasiado lenta”.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.