Lete destaca a responsabilidade e o traballo en equipo como factores da reactivación do deporte galego que comezou hai dous meses e continua hoxe con eventos como a Semana Abanca

Acto despois da presentación do evento, o secretario xeral formalizou o contrato de patrocinio con Zulema Prado, presidenta do Club Marítimo de Vigo, polo que o Goberno galego concede á Semana Abanca un total de 5.000 euros
Publicado por o día 03/09/2020 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Lete destaca a responsabilidade e o traballo en equipo como factores da reactivación do deporte galego que comezou hai dous meses e continua hoxe con eventos como a Semana Abanca

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou hoxe na Marinetea de Vigo a Semana Abanca que se celebrará desde o 5 de setembro ata o 29 de novembro nas sedes de Vigo, A Coruña, Marín, Sada e Barra de Miño (Ourense) coa participación de 3.000 deportistas nas disciplinas náuticas de vela, piragüismo, remo e esquí náutico. O secretario xeral destacou a auga de Galicia, tanto a salgada dos mares como a doce dos ríos, coma unha “fonte de riqueza, de inspiración e de sabedoría” na que desde os poetas medievais ata os responsables políticos de hoxe, “buscan respostas continuamente”. De feito, do mesmo xeito que Galicia foi a primeira comunidade en saír do estado de alarma, o mar foi o primeiro escenario onde se realizaron as primeiras competicións deportivas en Galicia tras o confinamento, nomeadamente de remo e piragüismo.

O secretario xeral destacou o traballo de todo o tecido deportivo galego que permitiu que Galicia contara cun protocolo marco -FISICOVID-DXTGALEGO- na mesma semana que saíu do estado de alarma e que serviu como base para os protocolos de todas as federacións deportivas galegas que existen a día de hoxe e que soportan a actividade deportiva autonómica. “Grazas a todo ese traballo, a todos eses protocolos, á insistencia do Goberno galego para que outras administracións cumpran coas súas competencias, ao éxito das probas que se realizaron ata o momento e ao mantemento dos patrocinios que tiñamos apalabrados, como ocorre neste caso, as probas que son auténticos sinais identitarios do deporte galego como a Semana Abanca, pódense seguir realizando”, dixo. Neste sentido valorou tamén a responsabilidade e o traballo en equipo da Semana Abanca que conta con seis sedes, once organizadores, vinte patrocinadores e quince federacións.

Dentro das 15 probas que terá a Semana Abanca nestes case tres meses de competicións, o secretario xeral destacou a Copa de España de esquí náutico e wakesurf en Ourense, o Campionato Galego de J80 en Vigo, o Campionato de España de J70 en Combarro e o Campionato Galego de 420 na Coruña, nos que se porá en xogo o Trofeo Xunta de Galicia. “A Xunta seguirá ofrecéndolle á Semana Abanca apadriñar os seus campionatos, porque entendemos, como demostramos ao longo de toda esta pandemia, que as decisións que nacen do entendemento mutuo e do quórum deben ser defendidas por todos”, dixo o secretario xeral.

Acto despois da presentación do evento, o secretario xeral para o Deporte formalizou o devandito contrato de patrocinio con Zulema Prado, presidenta do Club Marítimo de Vigo, polo que o Goberno galego concede á Semana Abanca un total de 5.000 euros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.