Lete Lasa asina o contrato de patrocinio do Descenso Internacional do Río Miño 2019 que contará cunha achega da Xunta de 3.500 euros

Destaca a importancia dun evento que ano tras ano reúne a preto de 700 padexeiros e padexeiras internacionais e a case 900 afeccionados nunha fin de semana que xa é considerada como Festa de Interese Turístico de Galicia

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de asinar con Diego Piña Esteves, presidente do Club Kayak Tudense, o contrato de patrocinio para o XLVIII Descenso Internacional do Río Miño 2019 que nesta edición ascenderá ata os 3.500 euros.

No transcurso da sinatura, o mandatario galego destacou a importancia dun evento que ano tras ano reúne a preto de 700 padexeiros e padexeiras internacionais e a case 900 afeccionados nunha fin de semana que xa é considerada como Festa de Interese Turístico de Galicia. Deste xeito gabou o XLVIII Descenso Internacional do Miño como unha proba “esixente” ao longo dos seus 15 quilómetros e que vén perfectamente complementada co IX Descenso Popular accesible a máis deportistas e na que completarán 7 quilómetros de carreira. Neste sentido o secretario xeral citou a todos os galegos e galegas o vindeiro 10 de agosto na Ribeira de Caldelas de Tui para a saída do Descenso Popular e en Salvaterra do Miño para a saída do Descenso Internacional.

Neste 2019 o convenio para o desenvolvemento da actividade deportiva que asina a Xunta coa Federación Galega de Piragüismo sobe ata os 312.141 euros, e o convenio para o mantemento de Verducido fai o propio ata os 115.000 euros. Ademais, sumando os 60.000 euros achegados pola Secretaría Xeral da Igualdade, a contía destinada pola Xunta á federación ascende ata os 487.141 euros, o máximo histórico e que representa un 31% máis que en 2018. A de piragüismo é a federación que máis cartos recibe da Xunta cun total de máis de 7 millóns de euros desde 2009.

Visitas aos clubs de remo

No transcurso da mañá de traballo, o secretario xeral tamén mantivo encontros cos responsables do Club Remo Miño e do Club Remo Tui para avanzar en novas posibilidades de colaboración para a mellora do deporte náutico.

O secretario xeral gabou o potencial do remo nunha vila como Tui e destacou o nivel que amosa Galicia nesta modalidade. A Federación Galega de Remo recibe neste 2019 preto de 116.000 euros para o desenvolvemento da súa actividade, o que supón un aumento do 34% respecto ao exercicio de 2018. Ademais, a Liga de Traíñas Xunta de Galicia recibe neste ano un total de 110.000 euros, o que representa unha subida do 22% con respecto ao consignado en 2018 cando se destinaron 90.000 euros.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM