Lete Lasa destaca a importancia do apoio ao deporte base e de tradición na entrega da Beca PXP19 a Jorge Cagiao e Amelia Blanco que competirán no Galego de rallyes co Recalvi Team

Lembra que a Xunta de Galicia apoia ao automobilismo galego con 143.742 euros outorgados a tenor do convenio coa federación de 2018, “unha cifra que non deixou de medrar desde 2015 e intentaremos mellorar neste 2019”
Por o 27/02/2019 | Sección: Deportes,Galicia,Motor,Vigo
Lete Lasa destaca a importancia do apoio ao deporte base e de tradición na entrega da Beca PXP19 a Jorge Cagiao e Amelia Blanco que competirán no Galego de rallyes co Recalvi Team

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asisitiu no serán de onte á entrega da Beca PXP19 a Jorge Cagiao e Amelia María Blanco como mellor piloto e copiloto júnior, menores de 26 anos, tras participar no campionato de Galicia 2018 e no Volante FGA-PXP. Esta beca é posible grazas á Federación Galega de Automobilismo e ao apoio do Grupo Recalvi, Pirelli e Staroil e consiste na participación nas nove probas do Campionato Galego de Rallyes de Asfalto cun vehículo Renault Clio do Grupo N5 a estrear, baixo o nome do Recalvi Team.

O máximo responsable do Deporte galego agradeceu á federación e ao Grupo Recalvi a súa aposta polo deporte de base e enxalzou a traxectoria do grupo empresarial vigués que “hoxe é un importante grupo no sector do automóbil, non só a nivel local ou autonómico, senón tamén a nivel nacional e internacional”. “O deporte galego tamén é coñecido hoxe en todo o mundo”, engadiu.

No seu relatorio, o mandatario galego destacou a importancia dun deporte de tradición en Galicia como o automobilismo e sinalou que somos a “terceira comunidade con máis licenzas e a segunda con máis clubs”. Así, lembrou que a Xunta de Galicia apoia ao automobilismo galego con 143.742 euros outorgados a tenor do convenio coa federación de 2018, “unha cifra que non deixou de medrar desde 2015 e intentaremos mellorar neste 2019”. “Ademais, en 2018 outorgamos 5.686 euros nas axudas a clubs e outros 35.000 para as probas dos campionatos de España de rallyes celebrados en Galicia, ao que hai que sumar os 10 deportistas galegos que contan actualmente con recoñecemento DGAN”, apuntou.

Como conclusión, Lete Lasa agradeceu ao Grupo Recalvi “tantos anos dedicados ao deporte galego” e a importancia de “ensinarlle ao sector privado que ser mecenas do deporte de Galicia é unha estratexia inmellorable para medrar como empresa”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.