Lete Lasa destaca “o traballo, a constancia e o compañeirismo” dos nosos remeiros e remeiras que axudarán á Selección Galega no Campionato de España de Castrelo de Miño

Subliña algúns dos fitos conseguidos xunto á Federación e á LGT como a cuarta posición de Galicia en canto ao número de licenzas por comunidade e a primeira en canto a número de clubs, ou a clasificación de Rodrigo Conde para Toquio 2020

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na xornada de hoxe na presentación do Campionato de España de Longa Distancia e de Seleccións Autonómicas de Remo que se celebrará entre o 8 e o 9 de febreiro no Parque Náutico de Castrelo de Miño, “unha das xoias das nosas infraestruturas deportes acuáticos que ademais é un vértice do gran polígono que forma xunto a Laias e Arnoia para configurar o CERLAC, onde ano tras ano recibimos aos mellores padexeiros do mundo”. Estes dous campionatos contarán coa participación de preto dun milleiro de deportistas sendo 572 os inscritos no de seleccións autonómicas e 435 no de Longa Distancia cun 46% de mulleres no primeiro caso e un 36% no segundo. Na presentación do evento tamén participou o presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Manuel Baltar.

O responsable da carteira deportiva destacou o remo como un deporte que fomenta “os valores do traballo, do sacrificio, da constancia e sobre todo do compañeirismo e da lealdade”. Principios dixo, que posibilitan que os integrantes dunha embarcación sexan “capaces de remar como una sola persoa para alcanzar grandes logros”.

O mandatario galego mirou con orgullo e optimismo cara este campionatos que terán lugar esta fin de semana en Castrelo, especialmente o de seleccións autonómicas que se librará nas categorías cadete, xuvenil e absoluta. “Os remeiros e as remeiras da selección galega volverán a remar como unha sola persoa para conquistar novos triunfos para o remo galego, neste caso o trofeo de campións”, enfatizou.

Fitos do remo galego

Lete Lasa fixo un repaso á actualidade do remo galego e subliñou algúns dos fitos conseguidos xunto á Federación Galega e a Liga Galega de Traíñas como a cuarta posición de Galicia en canto ao número de licenzas por comunidade, que creceu un 9% no último ano (2.642) e a primeira en canto a número de clubs. Asemade destacou a clasificación para Toquio 2020 xa confirmada de Rodrigo Conde, un dos remeiros galegos de maior nivel.

O secretario xeral aseverou que “todos estes obxectivos son acadados grazas ao traballo de todas as administracións”, ao tempo que lembraba que a Xunta vén de incrementar nun 6% no orzamento do convenio que asina coa federación para o desenvolvemento da súa actividade deportiva acadando os 110.000 euros en 2020. Así tamén, o acordo coa Liga Galega de Traíñas para homes e mulleres sumará 110.000 euros, a mesma cantidade que en 2019 e que supón un incremento do 22% respecto do rexistrado en 2018 cando se destinaron 90.000 euros.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM