Lete Lasa encomenda aos rapaces do Campionato Xuvenil de Waterpolo en Marín que sexan “apaixonados pola competición pero que nunca descoiden a súa formación”

Lembra que a Federación Galega de Natación, sendo a duodécima con maior número de licenzas (4.897), conta cunha grande porcentaxe de mulleres (53%) polo que reivindica para Galicia un campionato feminino destas características
Publicado por o día 25/06/2019 na sección de Deportes,Galicia,Marín

Lete Lasa encomenda aos rapaces do Campionato Xuvenil de Waterpolo en Marín que sexan “apaixonados pola competición pero que nunca descoiden a súa formación”

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de onte na presentación do Campionato de España de Waterpolo Xuvenil de 2ª categoría que enfrontará na localidade pontevedresa de Marín aos mellores clubs de waterpolo de toda España. Na súa intervención, Lete Lasa dirixiuse aos rapaces aos que lles encomendou a tarefa de ser “apaixonados pola competición e a actividade física pero que no camiño de cumprir os soños deportivos non descoidedes a formación, que será a que vos abrirá todas as portas o día que teñades que colgar o traxe de baño”. Neste sentido felicitou a Gonzalo Crespo, waterpolista do CN Helios de Zaragoza que vén de acadar a mellor nota da selectividade.

O secretario xeral definiu aos rapaces e ás rapazas de hoxe como “a esperanza do noso país, os adultos do día de mañá que esperemos que constrúan, como estano a facer, un futuro cheo de actividade deportiva, saúde e benestar”.

Do mesmo xeito agradeceu ao Concello de Marín o seu traballo para acoller un novo evento deportivo como este campionato que atraerá a máis de 300 persoas que se concentrarán ao redor da Escola Naval Militar para deleitarse co mellor waterpolo xuvenil de España. Asemade celebrou a decisión do presidente da Real Federación Española de Natación, Fernando Carpena, de apostar por unha terra de “excelencia organizativa deportiva como Galicia”.

José Ramón Lete Lasa non quixo esquecer que a Federación Galega de Natación, sendo a duodécima con maior número de licenzas (4.897), conta cunha grande porcentaxe de mulleres (53%) polo que tamén reivindicou para Galicia un campionato feminino destas características.

Do 27 ao 30 do xuño lanzaranse á piscina os mellores 11 clubs das 9 comunidades autónomas de Canarias, País Vasco, Valencia, Baleares, Aragón, Andalucía, Madrid, Murcia e Galicia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.