Lete Lasa felicita ao Seis do Nadal no seu 35º aniversario e anima á directiva a seguir “fomentando os valores deportivos sendo referente do sistema público e embaixador do deporte galego”

Valora a axuda prestada polos CEIP Celso Emilio Ferreiro e Illas Cíes, así como o traballo realizado por “persoas que son xa insignias deste club” como Adrián Martínez, Carlos Martínez, Aalí Salem Mohamed, Fernando Vidal e Francisca García
Publicado por o día 17/12/2018 na sección de Galicia,Vigo

Lete Lasa felicita ao Seis do Nadal no seu 35º aniversario e anima á directiva a seguir “fomentando os valores deportivos sendo referente do sistema público e embaixador do deporte galego”

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na Gala de conmemoración do 35º Aniversario do Club Baloncesto Seis do Nadal de Coia, ao que definiu como “un club con historia propia que seguirá fomentando os valores deportivos, sendo referente do noso sistema público, e embaixador de excepción do deporte galego”.

Deste xeito, no acto que tivo lugar no Hotel Coia, o máximo responsable do Deporte galego destacou os puntos de encontro entre a educación e o deporte resaltando valores como “o esforzo, traballo en equipo, superación, resiliencia, constancia, sacrificio ou respecto ao adversario”. Nesta liña subliñou como en 1983 o Colexio Público Seis do Nadal “creou unha sección deportiva dentro do ANPA Valentín Paz Andrade onde tiñan cabida as actividades deportivas organizadas pola asociación e na que destacaban o baloncesto, balonmán, fútbol sala, atletismo, ximnasia rítmica ou judo”.

Tras facer un breve repaso á historia do club vigués, o secretario xeral dixo do Club Baloncesto Seis do Nadal ser “un referente do deporte inclusivo, da integración, e da práctica deportiva en igualdade”. Do mesmo xeito renovou o compromiso da Xunta con estes proxectos que converten a Galicia “nunha realidade polideportiva de primeira división”.

Dentro dos nomes que recoñeceu o Club Baloncesto Seis do Nadal na Gala celebrada hoxe, José Ramón Lete Lasa valorou a axuda prestada polos CEIP Celso Emilio Ferreiro e Illas Cíes, así como o traballo realizado por “persoas que son xa insignias deste club” como Adrián Martínez, Carlos Martínez, Aalí Salem Mohamed, Fernando Vidal e Francisca García. Por último o secretario xeral agradeceu tamén o labor das empresas que “xunto ás administracións, axudan a manter vivo o deporte grazas ao seu apoio”.

A día de hoxe o Club Baloncesto Seis do Nadal conta con 700 deportistas, dos que o 43% son mulleres, e 40 adestradores e adestradoras; 26 equipos federados nas categorías benxamín, infantil, cadete, júnior e sénior; máis de 600 partidos oficiais disputados; 11 escolas deportivas; máis de 2.000 participantes nos eventos do club; un equipo sénior masculino consolidado por cuarta tempada na Primeira División e un equipo sénior feminino consolidado tamén por cuarta tempada na Primeira Autonómica.