Lete Lasa presenta a Costa Atlántica MTB Tour que levará o nome do Xacobeo por 200 quilómetros dos montes de Bueu, Pontevedra e Sanxenxo

Destaca o bo momento do ciclismo galego que conta con máis de 7.000 licenzas federativas, 280 clubs con actividade e un investimento da administración autonómica que, rolda os 450.000 euros, a cuarta federación deportiva galega con maior crecemento
Publicado por o día 13/09/2019 na sección de Ciclismo,Deportes,Xunta de Galicia

Lete Lasa presenta a Costa Atlántica MTB Tour que levará o nome do Xacobeo por 200 quilómetros dos montes de Bueu, Pontevedra e Sanxenxo

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe o evento Costa Atlántica MTB Tour que durante os tres días que durará a proba -27, 28 e 29 de setembro- dá a oportunidade de percorrer en bicicleta de montaña “os montes galegos de Bueu, Pontevedra e Sanxenxo formando un percorrido total de 200 quilómetros que porá a proba as pernas dos 250 participantes”. “Un percorrido espectacular que mestura os tesouros galegos máis prezados: a costa e o monte”, engadiu.

O evento ciclista encádrase dentro do programa ‘O teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia e conta cunha achega de 25.000 euros. Este programa responde á maior convocatoria aberta da historia de Galicia con máis de 350 proxectos aprobados e un investimento de case 5 millóns de euros que “beneficiarán a cidadáns e entidades de toda a comunidade, tamén a través da práctica deportiva, impulsando un Ano Santo 2021 que será o mellor para Galicia e para Vigo”. “Desde a Xunta apostamos por cohesionar, por xerar comunidade e por fortalecer os lazos que unen a todos os galegos, e aos galegos co resto do mundo”, engadiu.

A Costa Atlántica MTB Tour brinda a posibilidade de facer ciclismo de montaña “coas espectaculares vistas da ría de Pontevedra ao longo dos 58 km da etapa de Bueu, coas vistas da Ría de Vigo desde os montes do Viso e A Fracha na etapa raíña de 86 km de Pontevedra ou coas vistas da Ría de Arousa desde o monte Castrove para acabar de namorarnos de toda a nosa costa atlántica ao longo dos 64 km da etapa de Sanxenxo”.

Lete Lasa destacou o bo momento do ciclismo galego que conta con máis de 7.000 licenzas federativas, 280 clubs con actividade e un investimento da administración autonómica que, rolda os 450.000 euros, a cuarta federación deportiva galega con maior crecemento.

Comentar noticia

Your email address will not be published.