Lete Lasa presenta a sección de tríatlon do CGTD como “o berce dos máis grandes dunha disciplina estratéxica para Galicia”

Destaca aposta da Xunta de Galicia por este deporte que neste ano 2019 suma preto de 500.000 euros sumando o convenio coa federación, axudas a clubs, patrocinios aos equipos de alta competición ou equipamentos
Publicado por o día 17/09/2019 na sección de Deportes,Galicia,Pontevedra

Lete Lasa presenta a sección de tríatlon do CGTD como “o berce dos máis grandes dunha disciplina estratéxica para Galicia”

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou esta mañá na boa vila a sección de tríatlon do Centro Galego de Tecnificación Deportiva que definiu como “o berce dos máis grandes dunha disciplina estratéxica para Galicia”. Neste sentido destacou a presenza no salón de actos do centro de Javier Gómez Noya e Pablo Dapena.

Nas súas verbas, Lete Lasa deu a benvida ao novo director técnico, Carlos David, e ao seu compañeiro Jonathan Cancela e dedicou unhas palabras aos recén chegados para transmitirlles “a nosa acollida feliz e que acompañamos do noso apoio, incondicional, á preparación e dedicación deportiva que desempeñardes neste curso que comeza”. Deste xeito prognosticou que grazas ao excelente equipo técnico do centro e ao “talento e capacidade de loita” dos deportistas, estamos “ante unha moi prometedora tempada”.

O secretario xeral destacou tamén a importancia do “traballo e dedicación de moitas persoas e institucións” que están detrás dos triatletas e destacou a aposta da Xunta de Galicia por este deporte que neste ano 2019 suma preto de 500.000 euros sumando o convenio coa federación -167.605 euros (xunto coa axuda de Igualdade de 4.000 euros) e un crecemento do 20%-, axudas a clubs, patrocinios aos equipos de alta competición ou equipamentos.

A sección de tríatlon do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2019/2020 está formada por nove bolseiros en tecnificación (Sabela Caneiro, Natalia Castro, Ana Cons, Alexandre Álvarez, Elsa Pena, Nerea García, Carla Guisande, Alejandro Rodríguez e Diana Cons) e outros oito en rendemento (Inés Castaño, Iria Rodríguez, Antonio Serrat, Carmen Gómez, Jorge Morado, Susana Rodríguez Gacio, Andrés Cendán e Pablo Dapena). Cómpre sinalar que dos dezasete bolseiros e bolseiras, a maioría, o 65%, son mulleres.

Comentar noticia

Your email address will not be published.