Lete Lasa reclama unha participación máis activa das autonomías na desescalada deportiva que, no caso de Galicia, xa ultima o seu plan de continxencias con todas as federacións

Na xuntanza convocada polo CSD con todos os responsables autonómicos do deporte, o secretario xeral analizou as principais ambigüidades respecto as últimas ordes ministeriais aprobadas
Publicado por o día 04/05/2020 na sección de Coronavirus,Deportes,Xunta de Galicia

Lete Lasa reclama unha participación máis activa das autonomías na desescalada deportiva que, no caso de Galicia, xa ultima o seu plan de continxencias con todas as federacións

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo no día de hoxe unha xuntanza con todos os responsables autonómicos do deporte e convocada polo Consejo Superior de Deportes como unha reunión informativa e de coordinación en relación co Plan de desescalada e como afectará ao ámbito do deporte aos efectos de realizar unha acción coordinada na súa aplicación. O secretario xeral recoñeceu “o traballo realizado e a complexidade da situación” pero trasladou a preocupación recollida no tecido deportivo galego que acumula “demasiadas dúbidas e poucas certezas”. Neste sentido apuntou que unha das conclusións que deixan as ordes ministeriais aprobadas é a de unha “realidade deportiva de primeira e de segunda categoría onde o deporte autonómico e a competición non profesional parecen estar no segundo grupo”.

Neste sentido, a principal demanda do mandatario galego centrouse nunha forma de traballar “moi distinta” á empregada ata agora, nunha maior consideración das autonomías e nunha participación máis activa no documento de posta en marcha da actividade deportiva na contorna do Estado. Galicia xa ultima o seu Plan de Continxencias elaborado coas 58 federacións galegas e con expertos, para planificar o futuro da actividade física e o deporte en Galicia. Un estudo no que se concreta en detalle, cando e como recuperar a normalidade deportiva e de competición.

Esta xuntanza prodúcese 48 días despois da primeira e única reunión convocada polo CSD durante a crise do coronavirus cos responsables das carteiras deportivas das distintas autonomías na que se trataron os asuntos que afectan ao eido deportivo derivados do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Hoxe, existen dúas novas normas sobre as que o secretario xeral para o Deporte expuxo todas as dúbidas coas que contan os adestradores, deportistas e demais persoas do tecido deportivo galego. Por unha banda, a Orde SND/380/2020, do 30 de abril, sobre as condicións nas que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 e pola outra, a Orde SND/388/2020, do 3 de maio, pola que se establecen las condicións para a práctica do deporte profesional e federado.

O mandatario galego analizou as principais ambigüidades respecto a estes dous textos, contando que a última orde ministerial foi publicada na tarde de onte poucas horas antes da súa entrada en vigor. Un feito que fai que a súa interpretación sexa aínda máis complicada e sumando que contén aparentes contradicións co plan aprobado polo Goberno con anterioridade.

O secretario xeral insistiu na importancia da información requirida o 17 de marzo relativa á posición do CSD sobre a finalización das competicións nas distintas modalidades. Cómpre lembrar que os deportes non profesionais con ligas pediron un respaldo xurídico ao CSD para poder pechar as súas competicións. Lete Lasa apuntou que as federacións deben coñecer as posibles solucións canto antes xa que deben tomar as decisións de organización, ascensos e descensos das ligas.

O enderezo electrónico para as consultas estritamente deportivas como consecuencia da situación de COVID-19 segue funcionado a pleno rendemento para clubs e federacións ([email protected]).

Comentar noticia

Your email address will not be published.