Liberada unha persoa despois de chocar o turismo no que viaxaba contra un cruceiro en Guitiriz

Por o 22/01/2018 | Sección: Sucesos
Liberada unha persoa despois de chocar o turismo no que viaxaba contra un cruceiro en Guitiriz

Unha persoa resultou ferida esta tarde ao colidir o coche no que circulaba contra un cruceiro de pedra no termo municipal lucense de Guitiriz. O sinistro ocorreu no lugar das Reixas, na parroquia dos Vilares.

Un particular contactaba co 112 Galicia ás 17:00 horas para dar conta do accidente. Indicaba no seu relato que a única persoa que viaxaba no turismo accidentado atopábase atrapada no interior do vehículo e estaban intentando liberala.

Con estes datos, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia púxose a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Vilalba, do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Guitiriz e de Protección Civil.

Unha vez no lugar do sinistro, os servizos de emerxencias liberaron á persoa ferida coa axuda dun guindastre.

Colisión múltiple
Por outra banda, unha colisión na que se viron implicados dous coches e un camión esta tarde en Verín saldouse cunha persoa ferida. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a vítima tivo que ser trasladada a un centro hospitalario.

O accidente tivo lugar na Avenida de Laza, á altura do número 27, ao fío das 13:55 horas. Nese momento, o 112 Galicia tivo constancia do ocorrido a través da alerta do 061-Urxencias Sanitarias.

Acto seguido, o persoal do CIAE 112 Galicia pasaba o aviso á Policía Local, a Protección Civil e aos Bombeiros de Verín.