Liberadas tres persoas noutros tantos accidentes rexistrados en Mos, A Guarda e Noia

Publicado por o día 15/12/2018 na sección de Sucesos

Liberadas tres persoas noutros tantos accidentes rexistrados en Mos, A Guarda e Noia

O 112 Galicia rexistrou esta mañá tres accidentes de tráfico nos que foi necesaria a intervención dos bombeiros para liberar a outros tantos condutores atrapados nos seus vehículos.

Nun primeiro momento, un vehículo saíuse da vía e bateu contra outro estacionado na Guarda. Como consecuencia do impacto, o coche envorcou o que señor que viaxaba no interior necesitou da axuda dos efectivos de emerxencias para poder saír do turismo.

Ocorreu preto das doce deste mediodía na Rúa Bechos e alí acudiron os membros do GES da localidade para excarcerar ao condutor. Unha vez liberado, o home foi atendido e evacuado nunha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias ao centro hospitalario de referencia.

Cómpre sinalar que este operativo, no que tamén participaron os axentes da Policía Local, activouse tras recibir o 112 Galicia a chamada de alerta dun particular.

Apenas uns minutos máis tarde, outro vehículo, neste caso un camión con caixa, envorcou na parroquia mosense de Sanguiñeda. Para poder liberar ao condutor, acudiron ao lugar do accidente os Bombeiros do Baixo Miño.

Cando lograron sacalo do interior do vehículo, o ferido foi atendido polo equipo médico, que tamén foron alertados tras a chamada dun particular ao 112 Galicia.

Un coche envorcado en Noia
Por último, sobre as dez da mañá, un turismo envorcou na parroquia de Obre, en Noia. A causa do golpe, o condutor quedou atrapado e tamén necesitou da axuda dos Bombeiros de Boiro e dos membros do servizo local de emerxencias da localidade para poder saír do coche e ser atendido polos servizos sanitarios de urxencia.

Igualmente, foron informados os membros do GES de Brión e os axentes da Policía Local.

Unha persoa ferida en Pantón
Pero non foron os únicos accidentes rexistrados durante as últimas horas en Galicia. Tamén en Pantón un coche saiuse da vía na N-120 ao paso pola parroquia de Siós. O impacto provocou lesións de diversa consideración a unha muller, que foi atendida polos servizos sanitarios de urxencia.

Foi un dos ocupantes do turismo quen preto do mediodía contactou co 112 Galicia para pedir axuda. Decontado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, informouse aos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros de Monforte.

Ademais, houbo un accidente na LU-212, ao paso por Monterroso, no que resultou ferida unha muller. Sucedeu ás 9:30 horas de hoxe e segundo explicaron os servizos de emerxencias a ferida estaba liberada e accesible.