Libros cos que analizar as diferentes facianas das violencias de xénero

Nos faladoiros debateranse sobre obras como ‘No camiño do vento’, ‘O conto da criada’ ou ‘A dúbida’
Publicado por o día 23/09/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Libros cos que analizar as diferentes facianas das violencias de xénero

Pola historia que contan, pola contorna na que foron escritos ou polas experiencias vitais das súas autoras, algúns libros son unha boa ferramenta para coñecer, analizar e combater as violencias que se exercen contra as mulleres. Por iso, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo decidiu escoller unha serie de publicacións para argallar, arredor delas, un ciclo de faladoiros que baixo o nome de Bibliolab abordarán a violencia de xénero como unha realidade multidimensional. Esta iniciativa arranca este xoves 26 de setembro e estenderase ata o 10 de decembro, con citas nos tres campus arredor de diferentes volumes.

A directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, explica que con este programa de faladoiros “tratamos de dar a coñecer os contidos dalgúns dos libros que abordan a temática da violencia machista e fixemos unha selección de obras publicadas no contexto galego coa finalidade de coñecer o que se está a crear no eido máis achegado”. Así, entre outros títulos os debates xirarán arredor de No camiño do vento, de Sesé Mateo; O conto da criada, de Margaret Atwood ou A dúbida, de María Reimóndez. “Consideramos que hai que abordar a violencia de xénero como unha realidade multidimensional e que é preciso analizar as diversas faces da mesma, tanto as máis explícitas como as máis invisíbeis, habitualmente agochadas no eido simbólico. Así mesmo, parécenos imprescindible o eixo da interseccionalidade xa que é o que reflicte mellor a realidade das situacións de desigualdade e achega máis ferramentas para combatelas”, remarca Gómez.

Seis faladoiros, nove libros

En cada unhas das sesións participarán ou ben as autoras das obras ou ben persoas moi familiarizadas co texto, así como expertas en xénero que “dotan o proxecto de coherencia e continuidade”, explica Águeda Gómez. Os faladoiros vanse desenvolver nos tres campus universitarios, nas bibliotecas e tamén no museo Marco, tratando de achegar esta actividade a toda a cidadanía e de fomentar a reflexión sobre a violencia machista e a desigualdade de xénero a través da literatura científica e de ficción.

A primeira sesión será este xoves 26 de setembro, no museo Marco de Vigo, arredor de No camiño do vento, a obra póstuma de Sesé Mateo, asasinada pola súa ex parella en Redondela en 2017. Nesa cita intervirán o fillo da autora, Joshua Alonso; Montse Vilar, da librería Lila de Lilith e a poeta Miriam Ferradáns.

O segundo faladoiro terá lugar o 10 de outubro na Biblioteca Rosalía de Castro de Ourense arredor de dous libros: Comezar desde cero. Voces de mulleres recuperando as súas vidas e Vivo en una casa malva. Nesta xornada participan Tania Merelas e Iris Díaz, autoras dos libros e Monse Vilar, da Libraría Lila.

Tamén en outubro, pero na Casa das Campás do campus de Pontevedra terá lugar a terceira cita, desta volta arredor do libro de Margaret Atwood O conto da criada, nun debate no que participarán Celia Recarey, tradutora ao galego desta distopía; a profesora da UVigo Amada Traba e Andrea Barreira, da Libraría Lila.

As tres sesións de novembro serán na cidade de Vigo. A primeira delas o día 7 na Escola Universitaria de Estudos Empresariais sobre o volume Leia, Rihanna & Trump. De cómo el feminismo ha transformado la cultura pop y de cómo el machismo reacciona con terror, coa participación de representantes de Proyecto Una, que impulsa esta publicación e Monse Vilar pola Libraría Lila de Lilith. O día 21, na mesma sede será a quenda de A violencia machista institucional, unha publicación coordinada por Iria Villar, que participará no faladoiro xunto coa profesora da Universidade de Vigo Carmen Verde e Monse Vilar pola Libraría Lila. O ciclo regresa ao Marco o día 10 de decembro para baixar o pano analizando tres obras da narrativa galega recente: Infamia de Ledicia Costas, A Dúbida, María Reimóndez e Remexido de patacas, Eli Ríos, coa participación das tres autoras.

Unha liña de especialización para a Biblioteca Universitaria

A selección das obras, explica a responsable da Unidade de Igualdade, realizouse en coordinación coa Biblioteca Universitaria, en concreto a subdirectora Paz Canduela e coa Librería de Mulleres Lila de Lilith. Ademais dos faladoiros, esta medida acompañouse dunha serie de volumes que se porán a disposición das bibliotecas da Universidade de Vigo, coas obras máis actuais do momento que abordan estes temas.

Deste xeito trátase de crear unha liña de especialización na propia Biblioteca “especializada nesta temática que poderá empregar o alumnado actual e as futuras xeracións”. A responsable da Unidade de Igualdade resalta a importancia desta proposta, xa que lembra que “moitas obras deste ámbito son edicións limitadas que desaparecen moi pronto do mercado, polo que parécenos necesario que as bibliotecas públicas e gratuítas coma a nosa, as poidan ofertar como consulta evitando así as librerías ou espazos moi especializados e minorizados”, conclúe.