Libros para soñar adiántase ao día das Letras Galegas coa visita este venres do artista vigués Ramón Trigo

Publicado por o día 06/05/2015 na sección de Cultura

Libros para soñar adiántase ao día das Letras Galegas coa visita este venres do artista vigués Ramón Trigo

image004

As actividades deste mes de maio contarán coa participación de varios colectivos da cidade O artista vigués Ramón Trigo será o invitado especial da sesión de animación á lectura que celebrará este venres, a partir das 18:30 horas, na libraría LIBROS PARA SOÑAR, co lema “As nosas letras, os nosos contos”. Adiantándose ao Día das Letras Galegas, que se conmemora a próxima semana, LIBROS PARA SOÑAR vai centrar o seu repertorio nos contos de autores galegos; entre eles, o titulado “O pirata pata de lata”, con texto do escritor de Cangas Xosé Manuel González ‘Oli’ e ilustracións de Ramón Trigo.

A participación de Ramón Trigo consistirá nunha intervención artística, debuxando o personaxe deste libro publicado por KALANDRAKA hai xa 17 anos, no mesmo ano de fundación da editorial pontevedresa. Neste encontro, o ilustrador compartirá co público infantil algunhas anécdotas do seu amplo percorrido artístico, galardoado recentemente co Premio Isaac Díaz Pardo de Ilustración polo seu último libro, “Leviatán”.

Ao longo deste mes de maio, LIBROS PARA SOÑAR vai desenvolver un programa de actividades no que van colaborar varios colectivos vigueses. Así, o vindeiro venres, a sesión vaise titular “Contos para comer cos ollos” e contará coa participación de representantes da ONG Intermón-Oxfam, que impartirán un obradoiro de cociña saudable ao remate dunha sesión de contos de temática culinaria.

“Contos signados, contos coas mans” é o lema da sesión do venres 22, á que asistirá a profesora da Universidade de Vigo Ana Fernández Soneira, especialista en lingua de signos, nun encontro pensado para seguir apostando pola integración das persoas con discapacidade auditiva. A última actividade deste mes realizarase o venres 29 e vai estar protagonizada por membros da Asociación Down-Vigo.

Ademais, hai programadas dúas sesións de contacontos especiais para bebés ata 3 anos, os mércores 13 e 27 de maio, ás 17:30 horas. Esta última contará coa presenza das mestras Jenny Franklin e Helen Burr, que interpretarán contos e cancións en inglés.

Durante este mes de maio a sala de exposicións de LIBROS PARA SOÑAR segue dedicada ás imaxes da ilustradora arxentina Natalia Colombo para o libro “Os ratos da casa”, o conto máis recente na traxectoria literaria de Xosé Manuel González ‘Oli’.

PRENSA KALANDRAKA COMUNICACIÓN