Libros para Soñar, “A avoa adormecida”

Publicado por o día 12/01/2015 na sección de Cultura

Libros para Soñar, “A avoa adormecida”

– A libraría infantil do Casco Vello vigués dedícalle as actividades deste mes á educación das emocións

LIBROS PARA SOÑAR celebrará este venres 23, a partir das 18:30 horas, unha sesión de contacontos na que a historia principal será “A avoa adormecida”, que se incorpora por primeira vez ao repertorio. Escrita polo italiano Roberto Parmeggiani e ilustrada polo portugués João Vaz de Carvalho, esta obra recén publicada por KALANDRAKA trata sobre o Alzheimer a través da particular ollada dun neno, que detalla como lle vai afectando a doenza á súa avoa.

O relato reflicte con sensibilidade, tenrura e cercanía o ambiente familiar no que se presenta este trastorno ou calquera outra forma de demencia. As ilustracións reforzan o enfoque poético do relato, que narra o proceso dende que os protagonistas compartían tempo, lecturas e agarimo cando a enfermidade aínda non se manifestara, pasando polos primeiros síntomas, ata o letargo do sono irreversible. O tránsito do tempo, a perda dun ser tan querido e a dor pola ausencia represéntanse con fermosas metáforas visuais.

Trátase dun relato atemporal dirixido non só a público infantil a partir de 4 anos, senón tamén aos adultos: unha homenaxe á figura dos avós e avoas.

Precisamente, a educación das emocións é a temática do programa de actividades de animación á lectura que se desenvolven este mes de xaneiro en LIBROS PARA SOÑAR.

O próximo mércores día 28, a partir das 17:30 horas, retomaranse as sesións de contos para bebés de 0 a 3 anos. Nesta ocasión vaise presentar “Non hai berce coma o colo”, un proxecto dirixido polos músicos e mestres Magoia Bodega e Paulo Nogueira, que recuperaron arrolos tradicionais de Galicia editados por KALANDRAKA en formato libro-disco, con ilustracións de Mariona Cabassa.

Finalmente, con motivo da celebración do Día Escolar pola Paz e a Non Violencia, o venres 30, o lema da sesión será “Contos para a paz”. Como libro destacado da xornada, foi elixido o álbum titulado “O principio”, da autora galega Paula Carballeira, ilustrado pola artista alemá Sonja Danowski.

PRENSA KALANDRAKA COMUNICACIONES