Libros para soñar organiza unha sesión de Contacontos en lingua de signos

Publicado por o día 21/05/2015 na sección de Cultura

Libros para soñar organiza unha sesión de Contacontos en lingua de signos

“Contos signados, contos coas mans” é o lema da sesión de contacontos que se celebrará mañá venres, a partir das 18:30 horas, en LIBROS PARA SOÑAR. Asistirán a profesora da Universidade de Vigo Ana Fernández Soneira, especialista en lingua de signos, e Lucía González, que pertencen ao Grupo de Investigación en Lingua Española e Linguas Signadas (GRILES), que leva investigando neste ámbito dende 1997. Canda elas, participarán tamén as signantes Alba Puentes e Ruth Lamas, que tamén forman parte desta iniciativa académica.

As invitadas nesta actividade ofrecerán unha presentación inicial sobre a lingua de signos e explicarán a importancia de incorporar ao sistema educativo o ensino desta lingua para favorecer a integración na sociedade das personas con discapacidade auditiva. Neste sentido, o GRILES colabora cos colexios públicos Escultor Acuña de Vigo -centro de referencia na educación de xordos en Vigo- e Reboreda de Redondela, na implantación do Portafolio Europeo das Linguas en Educación Infantil.

Non é a primera vez que LIBROS PARA SOÑAR organiza sesións bilingües, en lingua oral e lingua signada.

Ademais de contar varios contos en lingua de signos, os nenos e nenas que acudan á sesión, coas súas nais e pais, poderán aprender algunhas palabras neste código para comezar a comunicarse coas persoas xordas.

PRENSA KALANDRAKA COMUNICACIÓN