Libros para soñar presentará este venres o álbum gañador do VII Premio Compostela

Publicado por o día 04/11/2015 na sección de Cultura

Libros para soñar presentará este venres o álbum gañador do VII Premio Compostela

O cordobés Miguel Cerro explicaralles aos lectores o proceso de creación do álbum “Despois da chuvia” O ilustrador cordobés Miguel Cerro será o invitado especial da libraría LIBROS PARA SOÑAR na sesión de contacontos deste venres, a partir das 18:30 horas. Miguel Cerro foi o gañador do VIII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado -que se entregará mañá no Pazo de Raxoi, en Santiago- coa obra titulada “Despois da chuvia”, que KALANDRAKA vén de publicar en todas as linguas peninsulares.

“Despois da chuvia” é unha fábula moderna sobre a superación das adversidades, a adaptación ao medio e a colaboración duns cos outros para a supervivencia do colectivo. Conta a historia dun diluvio que obriga os habitantes dun bosque a saír adiante nun improvisado refuxio. Entre os personades deste relato destaca un entrañable raposo que se enfrontará á desconfianza inicial dos seus compañeiros.

Na obra galardoada co VIII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado están presentes a solidariedade e o traballo en equipo na busca do ben común, que non depende do luxo, senón de elementos esenciais -e mesmo inmateriais- para atender as necesidades básicas.

Técnico superior en Deseño Gráfico, Miguel Cerro dedícase profesionalmente á ilustración e ao deseño gráfico dende 2008. Realizou numerosos traballos de deseño, publicidade e ilustración, especializándose en carteles e libros ilustrados. Como autor ou ilustrador publicou máis dunha ducia de obras, algunhas das cales recibiron premios e mencións en diversos concursos. Foi seleccionado para a Bienal de Bratislava 2015 e para o Catálogo Iberoamericano de Ilustración 2013. Ademais, participou en exposicións realizadas en Madrid e Andalucía.