Libros para soñar convértese nun “bosque de contos” para que non volva a repetirse a vaga de lumes

Por o 20/10/2017 | Sección: Cultura,Galicia,Vigo
Libros para soñar convértese nun “bosque de contos” para que non volva a repetirse a vaga de lumes
Compartir en:

A sesión de contacontos programada para mañá venres a partir das 18:30 horas en LIBROS PARA SOÑAR será moi especial, tras padecer a cidade de Vigo unha terrible vaga de incendios que provocou graves danos no medio ambiente, cuantiosos desperfectos e unha gran alarma social. A libraría infantil e xuvenil do Casco Vello solidarízase coas persoas afectadas e con quen traballou e colaborou arreo na extinción dos lumes organizando unha actividade de animación á lectura aberta ao público na que a natureza, as plantas, os animais que habitan nos bosques e a necesidade de respectar e coidar do patrimonio natural, serán o fío condutor.

O clásico “As tres curuxiñas”, de Martin Waddell e Patrick Benson, cumpre un cuarto de século sendo plenamente vixente. Os protagonistas agardan con preocupación, medo e impaciencia a chegada da súa nai, que se ausentou do niño. Mentres a irmá maior intenta atopar unha explicación lóxica que tranquilice aos pequenos, o irmá mediano dálle a razón e a pequena de todos chama insistentemente pola mamá. Un libro para primeiros lectores que, a través do xogo de tamaños e dunha estrutura repetitiva, capta a atención do público, que se identifica a través das emocións que senten os meniños cando botan en falta a figura da persoa adulta que os quere e os coida.

Ademais da curuxa, outras especies que se atopan nas arboredas da nosa contorna están presentes en “Boas noites, bufo!”, outro clásico de Pat Hutchins: as abellas, o esquío, os corvos, o picapau, os estorniños, o paporrubio, os estorniños… todos eles e outros moitos animais vanse sumando nesta historia na que as nenas e os nenos poden participar reproducindo os sons que emiten estas criaturas silvestres.

A sesión de contacontos rematará cun obradoiro no que se plantarán sementes de esperanza para superar os duros momentos de días pasados e sensibilizar as familias sobre o valor incalculable da auga, do aire, da terra que nos sustenta.

CURSO DE CONTACONTOS

Ademais, LIBROS PARA SOÑAR volve organizar un novo curso de contacontos, que impartirá a actriz e narradora Bea Campos. Será no fin de semana do 11 e 12 de novembro, en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20h o sábado, e só en horario matinal o domingo. O prazo de inscrición xa está aberto e as persoas interesadas poden informarse na propia libraría.

Esta actividade formativa dirixida a educadores e docentes, bibliotecarios, mediadores de lectura, xestores culturais e público en xeral.