Libros para soñar: exposición e feira do libro de Vigo

Na sala de exposicións pódese visitar unha mostra de ilustracións de David Pintor para os seus cadernos de viaxe
Publicado por o día 28/06/2017 na sección de Cultura,Eventos,Galicia,Vigo

Libros para soñar: exposición e feira do libro de Vigo

LIBROS PARA SOÑAR participa esta semana na Feira do Libro de Vigo, que se celebrará na Porta do Sol do 29 de xuño ata o 8 de xullo. Na caseta número 4 da libraría especializada en literatura infantil e xuvenil haberá unha ampla variedade de propostas para público de todas as idades: dende os novos títulos da colección para pre-lectores “Do berce á lúa” en formato grande, ata o novo volume da colección “Tambo” de poesía para público adulto, pasando polos últimos títulos da serie “Inventarios ilustrados” sobre flores e insectos.

Tampouco faltarán clásicos recuperados de grandes autores do álbum ilustrado contemporáneo como Tomi Ungerer, Leo Lionni ou Gabrielle Vincent. Así, do alemán destaca “Rufus, o morcego que adoraba as cores”, mentres que do estadounidense figura “Álex e o rato de corda” e da belga, “Ernesto e Celestina, músicos da rúa”.
Os docentes, mediadores, e nais e pais en xeral tamén dispoñen dos catro primeiros títulos da “Biblioteca de Pedagoxía”, que reúne interesantes publicacións de Francesco Tonucci, María Montessori e Lev Vigotski, traducidas ao galego, para afondar en asuntos de materia educativa.

EXPOSICIÓN

Por outra parte, a libraría do Casco Vello vigués mantén a súa actividade habitual, reforzada cunha nova exposición de ilustracións que se poderá visitar durante o verán. Trátase dunha escolma de imaxes do artista plástico David Pintor realizadas para os tres cadernos de viaxe publicados por KALANDRAKA sobre Santiago de Compostela, Lisboa, Barcelona e Venecia.

“Viaxes” destaca pola súa temática aventureira e ben acaída ás vacacións estivais. O protagonista destas estampas é un alter ego do autor que percorre as cidades procurando unha ollada alternativa -non exenta de fantasía- dos espazos, tanto os destacados nas guías turísticas como outros menos concorridos. A bordo dunha bicicleta e portando a súa libreta e os seus lapis, o protagonista capta a luminosidade, o colorido e os detalles de cada rúa, praza ou recuncho.

Cunha ampla traxectoria como humorista gráfico, ilustrador e pintor, David Pintor foi seleccionado en varias ocasións para participar na Feira do Libro de Boloña e na Bienal de Bratislava. A súa obra foi recoñecida con diversos premios en Galicia, Italia, Corea e Dubai.