Libros para soñar retoma esta tarde as sesións de contacontos con historias solidarias en vésperas do día escolar pola paz

Por o 19/01/2018 | Sección: Cultura,Eventos,Galicia,Vigo
Libros para soñar retoma esta tarde as sesións de contacontos con historias solidarias en vésperas do día escolar pola paz
Compartir en:

A historia de “Allumette”, unha versión con final feliz de Tomi Ungerer a partir do clásico “A vendedora de mistos”, de Hans Christian Andersen, será un dos contos cos que LIBROS PARA SOÑAR retomará, esta tarde a partir das 18:30 horas, as sesións de animación á lectura. En vésperas do Día Escolar pola Paz e a Non Violencia, que se celebrará o vindeiro 30 de xaneiro, a libraría infantil do Casco Vello vigués elixirá una escolma de relatos caracterizados pola súa mensaxe de compromiso social e a solidariedade.

Despois do trato desagradable que recibiu por parte xente opulenta, acomodada e avarenta, Allumette vese colmada cunha chuvia de alimentos e toda clase de agasallos que, lonxe de gardar só para ela, contrinuirán a paliar as necesidades doutras persoas desfavorecidas. Creando unha organización internacional, a protagonista deste libro consegue que cunda o seu exemplo e moitos máis voluntarios se dediquen a xestionar as numerosas doazóns que van chegando.

Ademais deste conto, a sesión completarase dando a coñecer outras accións solidarias como a rede de bibliotecas e bibliobuses Bubisher, que neste 2018 cumplirá 10 anos de traxectoria achegando os libros e a lectura aos campamentos de refugiados saharauis nos arredores de Tinduf (Arxelia), na parte máis inhóspira do deserto do Sáhara.

MÁIS ACTIVIDADES

Por outra parte, o vindeiro mércores 24 ás 17:30 horas celebrarase a primeira sesión de contacontos para bebés deste ano. A actividade, co lema “Contos e contiños para os pequeniños”, ten prazas
limitadas e a inscrición realizarase previa mensaxe de correo electrónico ao enderezo lps@kalandraka.com.

Ademais, quedan só uns días para poder visitar a exposición de ilustracións de David Pintor para o librocd-dvd “Radio Bulebule”, que reúne as novas cancións de Paco Nogueiras e os videoclips de José Miguel Sagüillo. Na derradeira sesión deste mes de xaneiro, o venres 26 ás 18:30 horas, presentarase o álbum “Porque?”, de Nikolai Popov. Esta novidade de KALANDRAKA ofrece unha lectura sen texto, contada unicamente a través de imaxes, sobre a senrazón das guerras.