Licitan as obras de restauración do lenzo da Muralla na rúa Clérigos, cun orzamento de 142.000 euros

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que se actuará sobre un tramo de 12 metros entre os cubos XXX e XXXI para resolver fisuras e outras patoloxías da pedra
Publicado por o día 18/01/2021 na sección de Galicia,Lugo,Xunta de Galicia

Licitan as obras de restauración do lenzo da Muralla na rúa Clérigos, cun orzamento de 142.000 euros

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de licitar as obras de restauración dunha parte do lenzo da Muralla á altura da rúa Clérigos, que contan cun orzamento de 142.000 euros que se sumarán aos 20.000 euros investidos na redacción do proxecto.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que a intervención afectará a un treito de 12,16 metros situado entre os cubos XXX e XXXI, e servirá para resolver as patoloxías que presenta a pedra debido fundamentalmente á incidencia da choiva e outros elementos de desgaste propios do paso do tempo. Neste sentido, Arias sinalou que a Xunta realiza unha avaliación permanente do monumento, o que permite atallar incidencias como poden supoñer neste caso a disgregación dos morteiros ou a aparición de fisuras.

A actuación, cofinanciada con fondos Feder, terá un prazo máximo de execución de catro meses. Consistirá no desmontado de petos e muros, impermeabilización e reconstrución da estrutura. Entre os traballos contemplados figura a escavación manual arqueolóxica do adarve ata cota orixinal romana, separar o recrecemento da estrutura orixinal mediante lámina de xeotextil para logo volver a cubrir con laxas de lousa tomadas con morteiro de cal, e o desmontado e retirada da instalación eléctrica e luminarias existentes para facilitar a execución das obras.

Igualmente, vaise realizar unha cata coa finalidade de definir o trazado orixinal do cubo XXX así como o levantamento topográfico e fotogrametría 3D, que mellorarán o coñecemento sobre a Muralla.

O proxecto da continuidade ás obras de restauración do cubo XXXI, que a consellería acometeu hai un ano cun investimento de 142.000 euros, e que igualmente serviron para consolidar a estrutura, definir a traza orixinal do cubo e realizar un estudo exhaustivo sobre este elemento da Muralla.

Características do lenzo

Durante a intervención no cubo XXXI realizouse unha cata que permitiu precisar o estado de conservación e as características do lenzo entre este e o cubo XXX. O paramento ten unha forma plana con lixeira inclinación na base banqueta de apoio, de ancho e altura variable. A súa lonxitude é de 12,16 metros e conta cunha altura exterior e interior media de 8,30 metros, e cunha largura do adarve de 5,95 metros.

O seu sistema construtivo caracterízase por ser unha cachotaría de laxas de lousa con varios elementos dispersos de granito e elementos de maior tamaño na esquina inferior esquerda, onde a banqueta adquire unha maior altura pola pendente do terreo.