A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lida Senra, denunciou a “nefasta” política de loita contra incendios forestais da Xunta que, segundo avisou, “alimenta a cultura do negocio do lume”.
O díxo nunha intervención no Parlamento Europeo de minuto libre onde quixo levar esta problemática a Estrasburgo. “No meu país, Galiza, estes días asistimos á mobilización do persoal de extinción de incendios da empresa pública Seaga da Xunta, que denuncian a precarización laboral na que se atopan, con contratos de apenas tres meses ao ano”, expuxo.
Respecto diso, atribuíu esta situación a unha política de extinción “totalmente nefasta que crea unha cultura do negocio do lume“.
A integrante de AGEe avogou por actuar en tres niveles. Por unha banda, determinar as causas e os intereses que existen detrás dos incendios provocados, por outro, políticas activas para acabar co abandono do medio rural e promover a instalación de labregos e un modelo forestal sustentable. Como terceiro eixo, reclama un servizo de extinción de incendios público.
“É necesario acabar coa precarización e a inseguridade do persoal que combate os incendios e tamén dignificar a profesión dos bombeiros forestais”, remachou.

Nado en Vigo hai 38 anos. Fotógrafo, activista defensor dos dereitos humanos e ambientais. Buscando que se recoñeza e respecte os patrimonios da cidade de Vigo.