Lídia Senra acusa ao Goberno de usar a sentenza europea da estiba para precarizar aos traballadores/as

A eurodeputada galega reuniuse esta mañá no porto de Marín con representantes sindicais para amosarlles todo o apoio á súa loita
Por o 03/03/2017 | Sección: AGE,Política,Vigo
Lídia Senra acusa ao Goberno de usar a sentenza europea da estiba para precarizar aos traballadores/as

A eurodeputada galega reuniuse esta mañá no porto de Marín con representantes sindicais para amosarlles todo o apoio á súa loita. 

“O que está en xogo son os dereitos conquistados en anos de organización e loita dos traballadores/as. Non son privilexios”, dixo.

A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), visitou este venres pola mañá o porto de Marín (Pontevedra), onde se reuniu, xunto coa deputada de En Marea no Congreso do Estado Alexandra Fernández, e os concelleiros Aaron Franco e José Manuel González, co representante sindical Eugenio Garrido e varios estibadores desta zona. Senra manifestou todo o seu apoio á loita que están levando a cabo os traballadores e traballadoras da estiba e quixo ante todo “deixar moi claro, alto e rotundo que non estamos falando dunha cuestión de privilexios laborais”. “Xa está ben de que por parte do Goberno estatal se queira atacar os dereitos que levan conseguido os traballadores e traballadoras coa súa organización e loita durante moitos anos, acusándoos de ser privilexiados”, dixo.

Lídia Senra explicou que desde o seu traballo no Parlamento Europeo está intentando que este conflito teña a maior presenza posible e, neste sentido, a eurodeputada galega participou esta semana en varias reunións en Bruxelas con representantes de traballadores e traballadoras da estiba de diferentes países. Como resultado, un grupo de eurodeputados e eurodeputadas do Estado español veñen de rexistrar unha pregunta por escrito dirixida á Comisión Europea, para que a comisaria de Transportes da UE, Violeta Bulc, se pronuncie sobre a compatibilidade entre o recente Real Decreto Lei 4/2017, polo que se modifica o réxime dos estibadores, e a sentenza C-576/13 do Tribunal de Xustiza da Unión Europea. “A sentencia europea pódese cumprir sen atacar os dereitos dos traballadores e traballadoras como pretende o Goberno do Estado español”, defendeu.

A europarlamentaria afirmou que “o dereito á negociación colectiva está recollido na Carta de Dereitos Fundamentais da UE e nós entendemos que o Real Decreto do Goberno español vulnera este dereito”, por iso “seguiremos apoiando esta loita e arroupando con todo o que estea nas nosas mans aos estibadores e estibadoras”, dixo, en defensa dun sector que actualmente emprega a máis de 6.500 persoas en todo o Estado español. Neste sentido, Senra advertiu de que a pretendida liberalización do sector da estiba traducirase en precarización das e dos traballadores , en grandes beneficios para as multinacionais  e nun deterioro das condicións de traballo, sobre todo no que se refire ás normas de saúde e seguridade.

A pregunta rexistrada esta semana por escrito no Parlamento Europeo denuncia que a reforma aprobada polo Goberno do Estado español “modifica elementos á marxe da sentenza europea, elimina o rexistro previsto nas normas da Organización Internacional do Traballo, foi aprobado sen diálogo social e pon en perigo miles de postos de emprego, fomentando unha precarización subvencionada directamente a través das Autoridades Portuarias”.

Así, insta a respectar o dereito de negociación e de acción colectiva establecido na Carta dos Dereitos Fundamentais da UE e, neste marco, pregúntalle á comisaria de Transportes se considera que se podería dar cumprimento á sentenza europea C-576/13 incluíndo a contratación de traballadores e traballadoras desde un rexistro, tal e como establece o acordo asinado entre organizacións sindicais e a Asociación Nacional de Empresas Estibadoras e Consignatarias de Buques (Anesco) e a Convención OIT 137 ratificada polo Estado español.

Lídia Senra e os demais eurodeputados e eurodeputadas que asinan o texto critican que a disposición transitoria primeira do Real Decreto español establece que as Autoridades Portuarias, pertencentes ao sector público, asumirán as indemnizacións por extinción de contrato dos estibadores e instan á CE a posicionarse sobre os principios de competencia comunitarios que vulnera tal práctica. “Pódense establecer mecanismos legais de subrogación para garantir o emprego dos actuais traballadores portuarios, sen que iso sexa incompatible coa execución da sentenza?”, inclúen tamén na pregunta.

A comisaria de Transportes da UE ten agora un prazo de entre 4 e 6 semanas para contestar por escrito á pregunta formulada e asinada ademais de por Lídia Senra, polos eurodeputados Clara Aguilera García, Inés Ayala Sender, Juan Fernando López Aguilar, Paloma López, Javier López, Jordi Solé, Josep-María Terricabras, Ramón Tremosa, Inmaculada Rodríguez Piñeiro e Ernest Urtasun. 

Foto rolda de prensa.