Lídia Senra acusa á UE de mirar para outro lado fronte ás prospeccións de hidrocarburos en zonas pesqueiras

A Comisión Europea alega nunha resposta á eurodeputada galega que son os Estados os encargados de avaliar os impactos destas actividades
Publicado por o día 21/06/2017 na sección de AGE,Política

Lídia Senra acusa á UE de mirar para outro lado fronte ás prospeccións de hidrocarburos en zonas pesqueiras

Atopa “incrible” que a Comisión Europea (CE), na súa resposta a unha pregunta da eurodeputada galega sobre as prospeccións de hidrocarburos no banco de Porcupine, en augas irlandesas, argumente que non dispón de información nin capacidade para determinar as condicións de explotación de recursos enerxéticos, cando ten competencias plenas na xestión pesqueira e na calidade das augas. A eurodeputada galega, que manifestou nunha pregunta á Comision Europea a súa preocupación polos impactos que poden ter estas prospeccións en zonas tradicionais de pesca como o banco de Porcupine, entende que a Comisión Europea “mira para outro lado fronte aos intereses privados da explotación de gas e petróleo e as consecuencias negativas que esta pode ter no medio ambiente e nos recursos pesqueiros da propia UE”. Unha actitude, engade a eurodeputada, “que é máis grave tendo en conta que a UE ten competencias na xestión da pesca e no control da calidade das augas”.

A eurodeputada galega dirixiuse á CE para coñecer a súa opinión sobre as prospeccións en busca de petróleo e gas que nos últimos anos teñen lugar en augas irlandesas do Gran Sol, no banco de Porcupine onde faenan frotas pesqueiras de varios países da UE, entre eles a galega. Senra solicitou da CE información sobre estudos do impacto nos recursos pesqueiros deste tipo de actividades, así como datos concretos da superficie que abarcan estas prospeccións, cantas se están levando a cabo na actualidade e que protocolos de protección do medio ambiente e dos recursos mariños deben seguir as empresas que solicitan autorización para investigar a presenza de petróleos e gas nos fondos mariños. A Comisión responde que esta avaliación “forma parte do proceso de autorización que levan a cabo as autoridades nacionais competentes” e que “non encargou ningún estudo sobre os efectos da exploración de hidrocarburos nos recursos pesqueiros da zona do banco de Porcupine nin dispón de información algunha sobre o número de proxectos de exploración e a súa localización”.

Senra entende que este desentendemento sobre os proxectos en curso na zona de Porcupine é aínda máis sorprendente tendo en conta que a Comisión Europea sinala que as “operacións de exploración e produción de hidrocarburos están sometidas tanto ao dereito xeral como ao dereito ambiental da Unión” e que habería que ter en consideración, na concesión de licenzas de explotacións, actos lexislativos como as directivas sobre a seguridade das operacións relativas ao petróleo e ao gas mar adentro, a de avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente ou a de protección das augas subterráneas contra a contaminación e o deterioro.

“Como é posible que, tendo lexislado ao respecto, a UE non teña datos sobre as prospeccións que se están levando a cabo nas súas augas?”, critica eurodeputada.