Lídia Senra advirte dos efectos nocivos das actividades de economía azul no futuro dos océanos

A eurodeputada galega esixe unha gobernanza dos océanos que poña a protección dos caladoiros e ecosistemas por diante do lucro privado
Publicado por o día 19/05/2017 na sección de AGE,Medio Ambiente,Política,Vigo

Lídia Senra advirte dos efectos nocivos das actividades de economía azul no futuro dos océanos

Considera que as actividades que engloban a chamada “Economía Azul” promovida pola UE -como a acuicultura industrial, a minaría submarina ou as prospeccións de petróleo, entre outras- “van implicar un menoscabo social, económico e ambiental para a pesca artesanal e a pequena escala e comprometerán seriamente o futuro dos caladoiros e, en definitiva, dos océanos”. Estas preocupacións van recollidas nas emendas que a eurodeputada galega ven de presentar a unha opinión da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, da que é membro. Esta opinión do Parlamento Europeo contribuirá á Axenda polo Futuro dos Océanos no contexto dos Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible de 2030, a poucas semanas de que se celebre unha conferencia de alto nivel da ONU sobre os océanos na cidade de Nova Iorque.

Para a eurodeputada galega, o impacto das actividades da Economía Azul que promove a UE deben centrar o debate sobre o futuro dos océanos e facelo dende unha perspectiva de protección dos caladoiros e ecosistemas fronte aos intereses privados de grandes multinacionais da minaría submarina, a explotación de hidrocarburos e a enerxía mareomatriz (mareas) e undimotriz (ondas). “A pesca artesanal e a pequena escala son sectores claves nas comunidades costeiras e garanten a soberanía alimentaria dos pobos, polo que deben ser protexidas fronte ao acaparamento a nivel mundial dos océanos para múltiples usos que acaban causando contaminación e afectando aos recursos pesqueiros”, sinalou. Por esta razón, Senra entende “que se deben paralizar todos os proxectos de prospeccións de hidrocarburos e minaría nos fondos mariños, como é o caso da mina Solwara 1, destinada a explotar xacementos de ouro e cobre en Papúa Nova Guinea, o primeiro gran proxecto de minaría nos fondos marinos e nunha zona hábitat de corais e numerosos cetáceos”. “Hai uns días coñecemos novos proxectos para a busca de hidrocarburos en augas do Gran Sol, un caladoiro no que tamén pesca a frota galega, e hai que ter presente que actividades coma estas serán sen dúbida graves, incertas e non atenderán a fronteiras”, engadiu a eurodeputada.


Senra, que se dirixiu recentemente á Comision Europea para preguntar pola incidencia destas actividades económicas sobre os recursos pesqueiros do Gran Sol, lembra que un recente estudo encargado pola Comisión de Pesca do Parlamento Europeo sobre o impacto do Crecemento Azul na UE sobre as pesquerías a pequena escala recoñece que este amplo sector incrementará a presión polo espazo nos océanos, converténdose nunha causa potencial de conflitos, e que os impactos sobre o medio ambiente serán previsiblemente negativos, entre eles cambios nas dinámicas costeiras, contaminación mariña e impacto sobre o fondo mariño. No caso das pesquerías locais, o estudo admite que os efectos ambientais da Economía Azul serían negativos para a pesca en xeral e, en concreto, para a que se realiza a pequena escala ou o sector artesanal. No caso da acuicultura, o estudo sinala posibles impactos na costa derivados da introdución accidental de especies invasoras e do uso de químicos e antibióticos nas granxas.

“A vindeira conferencia da ONU sobre os océanos que terá lugar entre o 5 e o 9 de xuño en Nova Iorque será unha boa oportunidade de poñer sobre a mesa un debate que vai ser vital á hora de definir que océanos teremos no futuro e o porvir económico, social e medioambiental das nosas costas”, recalcou Senra. “Á hora de entender a situación dos mares e dos recursos pesqueiros temos que fixarnos na pesca, xa que é unha das principais actividades que se levan a cabo no mar, pero tamén pensar que a esta lle afectan gravemente outras actividades con moito impacto, como as que se propoñen na denominada Economía Azul, as políticas urbanísticas ou o transporte marítimo”.