Lídia Senra chama a facilitar o acceso das PEMEs aos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos

A eurodeputada de AGE tomou a palabra no pleno do Parlamento, en Estrasburgo hoxe, para reclamar a fin das políticas de austeridade
Publicado por o día 13/09/2016 na sección de AGE,Economía,Vigo

Lídia Senra chama a facilitar o acceso das PEMEs aos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos

A eurodeputada de AGE tomou a palabra no pleno do Parlamento, en Estrasburgo hoxe, para reclamar a fin das políticas de austeridade.

Advirte de que a Unión de Mercado de Capitais, lonxe de ser solución para as pequenas e medianas empresas, provocará novas dificultades.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), tomou a palabra hoxe no pleno do Parlamento Europeo, que se está a celebrar en Estrasburgo, para explicar a súa posición ao respecto do debate e votación sobre a aplicación do obxectivo temático “Mellora da competitividade das PEMEs” (pequenas e medianas empresas). Senra avaliou como positivo que o citado relatorio abordado sinale a austeridade como unha das causas do enfraquecimento das PEMEs e insistiu na necesidade de facilitar o acceso destas empresas aos Fondos Estruturais e de Investimento da Unión Europea (UE).

Nunha intervención na que comezou destacando que as PEMEs xeran o 71% do emprego da UE, a eurodeputada galega considerou “fundamental” que se melloren as medidas de apoio a estas. En liña co traballo que ven desenvolvendo, Senra amosou unha vez máis o seu rexeitamento á ameaza da Comisión Europea (CE) de conxelar estes fondos ao Estado español e a Portugal. Ademais de considerar “intolerable” que se utilicen os fondos públicos como unha “chantaxe aos pobos”, Lídia Senra advertiu de que “tanto os axustes para evitar os conxelamento dos fondos como o conxelamento en si van xerar aínda máis dificultades ás PEMEs e polo tanto van aumentar aínda máis os grandes niveis de desemprego, pobreza, marxinalización e exclusión social que xa teñen provocado as políticas de austeridade, sobre todo nos Estados do sur de Europa”.

Na quenda de palabra, a eurodeputada galega afirmou que a Unión de Mercado de Capitais “non é a solución para as PEMEs”, senón que “podería provocar novas dificultades”. Tamén deixou claro que os acordos de libre comercio “non son unha alternativa”, xa que “colocan ás PEMEs nunha carreira pola redución dos custos de produción que reduce salarios e prezos na orixe, destrúe empregos e provoca o peche de moitas pequenas e medianas empresas precisamente”.

Lídia Senra tivo na súa intervención mención especial para as PEMEs do sector agrícola, da pesca e da acuicultura. “Entendemos que para manter estas PEMEs, que son fundamentais para garantir a soberanía e seguridade alimentaria dos nosos pobos e as economías do medio rural e das áreas costeiras, son necesarias medidas como a regulación da produción e dos mercados e unha distribución xusta dos dereitos de produción e de pesca”. “Tamén hai que garantir a prioridade da terra e do mar como fonte da nosa alimentación”, insistiu.

A representante de AGEe na Eurocámara defendeu como positivo que se inste á Comisión Europea e aos Gobernos de todos os Estados membros da UE para que apliquen estratexias específicas de apoio ás mulleres e á mocidade.