Lídia Senra chama a frear o proxecto de mega mina Touro-O Pino porque vai destruír máis que beneficiar

Denuncia que a minaría ameaza a saúde, contamina o aire, as augas, dana o territorio e acaba con máis postos de emprego dos que crea
Por o 13/01/2018 | Sección: AGE,Política
Lídia Senra chama a frear o proxecto de mega mina Touro-O Pino porque vai destruír máis que beneficiar

A eurodeputada galega Lídia Senra realizou este sábado un chamamento á necesaria mobilización social continua para lograr frear a mega mina de cobre en Touro e O Pino e facer que tamén as institucións galegas, estatais e europeas se posicionen en contra deste proxecto que “vai destruír máis que beneficiar”. “Non podemos consentir que vaia adiante o proxecto de mega mina de cobre de Touro-O Pino porque ameaza a nosa saúde, contamina o aire, as augas, destrúe o noso territorio e vai acabar con máis postos de emprego dos que vai crear”, asegurou Senra durante a xornada “A mina de Touro-O Pino, un problema de todos e todas”, que está a ter lugar no Hotel Bello, no Pino, durante todo o día, organizada pola propia Senra, como eurodeputada do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) e pola Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON. 

Isabel García Vila, membro da Plataforma, deu conta de cómo esta asociación de veciñas e veciños se adica a “combater” o proxecto de mega minaría que a empresa Cobre San Rafael S.L, -empresa participada por Atalaya Mining, a mesma dona das minas de Riotinto en Huelva- pretende implantar “sen ningún tipo de miramentos”. García Vila explicou que malia que o 25 de agosto pasado se presentou o proxeto, a veciñanza non se enterou desta ameaza até xa case cando estaba a rematar o periodo para presentar alegacións e cada vez son máis as persoas que se suman á Plataforma e acoden para informarse. “A nosa saúde, agricultura, turismo, o Camiño de Santiago, as augas, a gandeiría,…. estes señores pretenden desfacer todo o noso territorio”, dixo. “Isto afecta, e dígoo ben alto para que escoiten tamén na Xunta, á Rede Natura, ao río Ulla, e é moi grave”, engadiu.

O proxecto de mega mina de Touro-O Pino pretende explotar 2.000 hectáreas de terreo nun inicio, a través dunha mina a ceo aberto e cunha media de 6 explosións diarias, e cos anos pretenden chegar a 122 quilómetros cadrados de terreo, “é dicir, máis solo que toda a extensión que ocupa todo o concello de Touro”, relatou a membro da Plataforma. “Chegará directamente a Touro, O Pino, Boqueixón, Santiago e máis alá”, denunciou e isto “converterase nunha paisaxe propia de Marte”. “Mentres o Goberno da Xunta vende de palabra que hai que coidar o rural e dotalo de vida, ao mesmo tempo estanlle dando facilidades a quen prentede desfacelo”, advertiu. “O aire chega a todas as partes, a auga tamén, o po tamén, por iso, isto non é un problema só dos concellos nos que se pretende instalar a mina, senón un problema de todos e todas”, concluiu.

Ante esta situación, Lídia Senra ve “fundamental” que haxa información e que se divulguen as mentiras que as empresas e as Administracións adoitan contar sobre este tipo de proxectos. A europarlamentaria denunciou os “intereses por parte do capitalismo de apropiarse dos nosos recursos en xeral e os mineiros en particular, non só na terra senón tamén no mar”, o que é “un ataque en toda regra á alimentación, porque os alimentos veñen do campo e do mar”, dixo. “Xa fai moito tempo que defendemos que a alimentación ten que ser unha das principais preocupacións no debate político e non o é”, criticou.

Así, no caso concreto desta mina de Touro-O Pino, Senra animou a “botar as contas e calcular”. “Veñen prometendo postos de traballo, moi poucos, e cantos se van cargar?”, pregountouse. “Contabilicemos cantos postos de traballo directos e indirectos se van eliminar na agricultura e no marisqueo”, dixo. “Ademais, de pouco nos vale ter un proxecto empresarial que xere uns poucos postos de traballo se vai ir en detrimento da biodiversidade, do medio ambiente e da saúde das persoas e dos animais”, afirmou, e incidiu en que a mina non só contaminaría o aire e a auga, senón que a acapararía directamente, un recurso como é a auga que agora é de toda a sociedade.

Senra comprometeuse a seguir loitando en Bruxelas e en Estrasburgo para que a mina non vaia adiante e lembrou que xa o ano pasado realizou unha intervención no pleno do Parlamento Europeo denunciando posibles verteduras de residuos perigosos sen control que a veciñanza ten sospeitas que se están a dar nas balsas e escombreiras da antiga mina, situación que tamén denunciou a través dunha carta que lle remitiu ao comisario europeo de Medio Ambiente, Karmenu Vella. Tamén falou da pregunta escrita que rexistrou dirixida á Comisión Europea alertándoa do novo proxecto.

Na sesión da mañá da xornada no Pino estivo como ponente tamén Aurora Puentes, doutora en Bioloxía e membro da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), quen explicou que nos últimos anos as empresas, en conivencia coas Administracións públicas, están a intentar que proliferen este tipo de explotacións por todos os territorios porque o cobre aumentou o seu prezo e todos os proxectos parecen unha copia, chea de erros e contradicións. Puentes fixo un repaso por todos os problemas que traería a apertura dunha mega mina deste tipo en Touro-O Pino e explicou que a SGHN reclama un estudio de impacto ambiental rigoroso, onde aparezan as concentracións de metais perigosos, a perigosidade dos residuos mineiros, a análise do impacto da mina sobre a poboación, o tecido produtivo, a auga, a paisaxe, as especies ameazadas, os espazos naturais protexidos, un estudo dos recursos arqueolóxicos que se verían afectados, o monitoramento das augas e do aire, etc. e como fin reclaman que non se autorice a explotación mineira.

Non se trata de riqueza, senón de diñeiro. Hai unha gran cobiza por parte das grandes empresas e a minaría actual deber ser moito máis pequena e equilibrada e controlable do que se pretende, ser máis beneficiosa para todos e todas. Non hai que extraer máis metais, hai que utilizar mellor os que temos”, concluiu a bióloga.

A xornada prolongarase todo o día cunha mesa con Miguel Ángel Collado Aguilar, doutorando en Historia da Universidade de Huelva e veciño de Nerva, que explicará a experiencia vivida en Riotinto, que é o principal activo da mineira Atalaya Mining.. E pola tarde, a a partir das 16:30 horas, terá lugar o coloquio “Galiza non é unha mina, pero hai quen pretende que o sexa”, no que se realizará un repaso ás últimas loitas galegas contra minaría e no que intervirán Braulio Amaro, voceiro da Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños; Joam Evans, membro da Sociedade Coluna Sanfins de Lousame e ContraMINAcción; Marga Prieto Ledo, coordinadora la loita contra a minaría salvaxe do Sindicato Lagrego Galego (SLG) e representante da Comisión das minas da Terra Cha; e Mero Iglesias Dobarro, membro da Coordinadora Antiminas de Xanceda, en Mesía. Xa ás 19:00 horas, e para rematar, terá lugar a proxección do documental “As Encrobas, a ceo aberto” e posterior coloquio do director do filme, Xosé Antón Bocixa Rei.

 

 

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.